Xosé Tato Lorenzo naceu o 22 de decembro de 1886 no Concello de Mondariz. O seu lugar natal era moi coñecido desde a antigüidade polas augas termais e medicinais. O pintoresco río Tea que baña as súas terras e o verdor da súa paisaxe fórono convertendo en zona de veraneo e descanso.
A poucos quilómetros da súa aldea está a cidade de Vigo, cidade que un anarquista, Ricardo Mella, convertía en faro das ideas libertarias. Cando Xosé contaba con trece anos os seus pais deciden emigrar ao Brasil.
Foi o 30 de novembro de 1900 cando se embarcou nun trasatlántico cargado de emigrantes rumbo ao novo mundo. Atrás quedaba o duro traballo no campo. O 20 de decembro Xosé chega a Río de Janeiro en compaña do seu pai. Durante dous días percorren fascinados as belezas desta cidade.
O 22 dese mes, cando el cumpre 14 anos, cos poucos aforros que tiña merca un billete de tren cara ao sur deste grande país. Os seus primeiros padecementos comezarán nesta viaxe xa que Xosé non preveu que a mesma duraría moitísimas horas.
A falta de cartos para poder comer fíxolle pasar fame. Segundo conta o seu amigo Ricardo Vicente Accurso, “Tato tivo que deixar o tren e emprender a viaxe a pé. Ocorreu tal cousa o 6 de xaneiro de 1901. Ante as continuas choivas tivo que se trasladar por camiños lamacentos, atravesar fragas frondosas, etc, ata que ao día seguinte chegou ao enxeño “La Branca” e así puido reunirse co seu pai”.
O un de febreiro ambos se trasladaron ao pequeno lugar de Bara de Bacalhe. Logo pai e fillo proseguen viaxe por barco e ferrocarril ata Río Grande do Sur onde o 22 de maio consegue empregarse.
Ata daquela, ao igual que o seu pai, pasaron momentos moi difíciles nun país que descoñecían e con grandes distancias. Naqueles anos o traballo nas facendas era un sistema de semiescravitude. O entrar era fácil mais o saír signficaba a morte.
Pai e fillo resolven deixar este país e o pai trasládase primeiro a Uruguai. Tato Lorenzo chega a Montevideo o 12 de xullo de 1902. Aos poucos días, o 20, reencóntrase co seu pai e trasládanse a vivir ao lugar o 25 de agosto.
Montevideo e as vilas máis poboadas do interior estaban en plena efervescencia libertaria. En 1903 debido a certos enfrontamentos de carácter político co seu pai decide trasladarse a Montevideo. Nesta cidade acorda adicarse por completo ao seu ideal anarquista. Namentres o seu pai desalentado retorna a Galiza o 4 de marzo de 1903.
Malia que Montevideo era unha cidade onde prendía con certa facilidade o ideario anarquista, en Bos Aires as ideas libertarias e as súas accións tiñan maior magnitude. Esta situación lévao a cruzar o río e instalarse en Rosario, provincia de Santa Fe.
O 8 de agosto de 1904 sofre a primeira reclusión xa que a policía o detén por anarquista co obxectivo de lle aplicar a Lei de Residencia, recentemente promulgada para reprimir aos extranxeiros de ideas maximalistas. O 1 de marzo de 1905 sae da cadea e trasládase a Bos Aires. Nesta cidade coñece a Tomasa Álvarez, de orixe galega, coa que casa en decembro dese ano.
A súa primeira filla naceu en 1906 falecendo aos poucos meses. A familia de Tato Lorenzo establécese en Lanús, nos arredores do grande Bos Aires. Esta barriada era a elixida polos emigrantes galegos neses anos. Neste novo fogar nace a súa segunda filla á que lle pon o nome de Urania. Era moi común nos anarquistas poñerlles aos seus fillos nomes que estiveran vinculados coa natureza.
Tato Lorenzo ganaba a vida traballando de `canillita´, vendedor de diarios. Durante os anos 1908 e 1909 Tato realiza unha activa militancia sindical e a través dos xornais anarquistas colabora activamente no emblemático xornal “La Protesta”. O 31 de decembro dese ano é detido co obxectivo de ser deportado.
O 10 de xaneiro de 1910 parte no vapor Frisia; no porto quedaba a súa esposa Tomasa embarazada e a súa filla Urania. O barco que o traslada de Montevideo a Galiza ten un estrago mecánico e volve a Bos Aires. A noticia éncheo de ledicia ao poder estar cos seus. O 5 de abril nace o seu fillo Ariel. Mentres, Tato espera ata novembro para ser expulsado esta vez no vapor italiano Princesa Mafalda. O 3 de decembro chegaba a cidade de Barcelona. En 1911 atopamos a Tato como profesor dunha escola racionalista dirixida por unha irmá de Sebastián Suñé que coñecera en Bos Aires.
Malia a solidariedade recibida polos seus compañeiros anarquistas de Cataluña Tato sente a necesidade de volver. O 30 de xaneiro de 1912 abandona Barcelona e trasládase ata Vigo. Durante algúns días está na súa aldea á espera de conseguir algún barco e marchar de polisón. Ante a dificultade de embarcar, trasládase a Porto, e de alí a Lisboa, onde logra introducirse no vapor “Oropesa” rumbo a Uruguai.
O 5 de marzo estaba novamente en Montevideo e aos poucos días xa estaba traballando como xornalista no diario “La Tribuna Popular”, reuníndose coa súa familia, que se traslada desde Bos Aires. 1912 será un ano de moi intensa actividade xa que por un banda funda o seu primeiro xornal “ANARKOS”, pola outra, as súas longas ausencias van deteriorando a súa relación afectiva coa súa compañeira.
Durante ese ano Tato comezará unha apaixonada relación sentimental con Teresa Cocita, destacada militante anarquista. A relación entre ambos remata en matrimonio e con varios fillos: Mirtho, Alba, Helios e Rub. Tato Lorenzo non para no seu labor xornalístico, e o 29 de outubro de 1916 funda o xornal “El Hombre”.
Coa revolución rusa de 1917 Tato posiciónase cos sectores intransixentes do anarquismo e denuncia o carácter dictatorial desta. No seu xornal e noutros de orixe libertaria ábrese un apaixonando debate sobre o carácter desta revolución. Desde o outro xornal “La Batalla” de ideoloxía anarco-bolxevique xorde unha provocación doutro anarquista que intenta asasinalo dunha puñalada. Tato Lorenzo sae ileso deste atentado producto do fanatismo que producira a primeira revolución obreira triunfante.
Tato edita o seu xornal “El Hombre” ata o 20 de febreiro de 1931. En agosto de 1944 aparece o último dos xornais de Tato, chamado “Inquietud”, publicación mensual de carácter político cultural que contaba con ilustracións do gravador Juan Pardo. Este xornal editarase ata setembro de 1950. Tato Lorenzo colaborou tamén con numerosos xornais de pensamento anarquista, entre eles “Voluntad” e “Solidaridad”.
A súa última grande batalla ideolóxica deuna contra o desviacionismo anarco-guevarista ou guerrilleirismo xa que segundo el: “Todo isto toleou á mocidade, completamente desorientada e cegada, facéndoa “avanzar” como os caranguexos cara ao espantoso servilismo do totalitarismo estatal”.
O 20 de setembro de 1969 faleceu no Hospital de Clínicas de Montevideo cando contaba con 83 anos. A súa morte provocou fondo pesar nos círculos anarquistas de todo o mundo. A destacada libertaria Federica Montseny despedía así a Tato nas páxinas do semanario ESPOIR: “Xa non volveremos saborear as súas admirables “GOTAS DE MEL E ASENTE”. Ata o último momento o seu espírito vivo, a súa pluma áxil, o seu corazón aberto, estiveron atentos a todas as inquedanzas do pensamento e a todos os anceios de superación mental e social. A súa morte, en idade moi avanzada, debíase producir un día ou outro. Non importa. Críamos que ese carballo resistiría aínda os embates do tempo”.