A Guarda acolle desde hoxe luns 6 ao 15 de agosto as Festas do Monte, declaradas Interese Turístico de Galicia, que contan un ano máis cunha ampla programación de actividades, destacando as noites de verbenas, as actividades deportivas e culturais, así coma o Desfile Folclórico Tradicional e de Bandas Mariñeiras, e o Domingo do Monte.
As Festas do Monte están organizadas pola Asociación Cultural e Deportiva O Cancelón e o Concello da Guarda, contando coa colaboración da Deputación de Pontevedra e dunha boa representación das Asociacións Culturais e Deportivas da Vila, participando activamente en diferentes actividades da programación.

A vila da Guarda énchese de visitantes, atraídos pola ampla programación de actividades e as noites de música nas verbenas da Alameda da Guarda, que este ano contará coas actuacións das orquestras e grupos musicais Jonhy Maquinaria, California, Finisterre, Ritmo Noche, Tango, Garibaldi, Passarela, América, Europea, Azúcar, Cibeles, Los Gemas, Edgar Bao (La Voz Kids), Caramelo e Ámbar.
O Desfile Folclórico Tradicional e de Bandas Mariñeiras é un dos actos que congrega a unha maior cantidade de público e asistentes, participando no mesmo ao redor de 3000 persoas, entre grupos musicais, treboadas, particulares e as Bandas Mariñeiras.

Pero o día principal é o Domingo do Monte, cando máis de 10.000 persoas se congregan no Monte de Santa Trega para participar nun xantar popular e realizar a xura con viño nas Bandas Mariñeiras, un espectáculo de lecer para a nosa vila, cheo do colorido das vestimentas propias de cada Banda Mariñeira, que ao son dos bombos, caixas, gaitas e pandeiretas, amenizan esta gran xornada, cada unha co seu característico son.
A xornada remata coa Desfeita na Baixada do Monte ata o Parque do Cancelón e posteriormente ata a Alameda e Rúa Galicia. No apartado deportivo destacan o Trofeo Festas do Monte de Hockey Liña, as Carreiras Pedestres ou a Marcha Cicloturista Popular.