InicioSociedadeA Guarda presenta a súa axenda de verán: Festas do monte, concertos,...

A Guarda presenta a súa axenda de verán: Festas do monte, concertos, xadrez, balonmán, gastronomía…

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Casa dos Alonso acolleu a mañá deste martes a presentación da nova axenda de actividades para o verán 2018 na Guarda. A concelleira de Cultura, María Elena Baz, e o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba, foron os encargados de dar a coñecer a  programación cultural, gastronómica e deportiva da que poderán gozar veciñas, veciños e visitantes dende xuño e ata setembro deste ano.

Segundo destacou o rexedor local, nesta axenda conflúen os eventos organizados polas distintas asociacións e entidades locais, aquelas impulsadas por institucións provinciais ou autonómicas e as organizadas polo propio Concello. O resultado é, destacou Lomba, «unha intensa programación pensada para satisfacer a todos os públicos» durante a época estival.

Nesta liña, a edil guardesa valorou positivamente o traballos das distintas asociacións e colectivos que «contribúen a encher unha axenda cultural e de ocio de 4 meses» de duración, “cunha oferta variada e de calidade” que xa comezou coas tradicionais alfombras florais a pasada fin de semana e continuará este sábado e domingo coas festas parroquiais de San Antonio.

No eido cultural, Baz destacou os concertos das populares «Noites no Castelo», no que este ano contaremos coas actuacións de Ardentía e Milladoiro  (21 de xullo); e a continuidade dos concertos de «Música nas prazas», con tres novas datas para gozar dos mellores grupos locais nos espazos públicos da vila (22 de xuño, 24 de agosto e 7 de setembro).

Pensando nos máis cativos, a programación inclúe espectáculos infantís e familiares, así como cinema nas rúas, un Campamento Urbano con actividades educativas e de ocio e un Campus Deportivo de Fútbol. Para goce de toda a familia, ademais, continuarán as visitas teatralizadas polo casco antigo da vila, se ben cunha nova posta en escena e guión renovado.  

Segundo adiantou Elena Baz, o 20 de xullo inaugurarase unha nova exposición na Casa dos Alonso dedicada a todos os guardeses e guardesas. Baixo o título «Así somos», a mostra estará formada por fotografías nas que se retrata a vida na vila, con imaxes das súas festas e a cultura propiamente guardesas nas que os protagonistas son os veciños e veciñas.

No deportivo, Antonio Lomba destacou dúas actividades de nova creación: o Campionato Galego de Balonmán Praia, que se celebrará na praia do Codesal o 14 de xullo; e o I Festival Internacional de Xadrez A Guarda, do 22 ao 30 de setembro.

A axenda inclúe as festas máis populares e tradicionais da vila como as Festas do Monte (do 6 ao 13 de agosto), a IV Galifornia Beat (4 de agosto) e a a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, que ocupará o entorno do Porto durante a primeira fin de semana de xullo (6, 7 e 8 de xullo).

Con todo, e segundo engadiron os representantes municipais, cómpre subliñar  a ausencia de celebracións tradicionais como as de San Roque, a Festa da Guía ou a Festa do Avó, aínda coa programación sen pechar.

A axenda de actividades poderá recollerse dende hoxe mesmo na Casa do Concello, o Centro Cultural, a Estación Marítima e as Oficinas Municipais de Turismo. Ademais, estará dispoñible na páxina web do Concello da Guarda para a súa consulta e descarga.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...