O pasado luns día 24 de setembro iniciáronse os traballos de escavación arqueolóxica das Salinas do Seixal e de Camposancos, enmarcados no Proxecto «A Guarda, Mar de Sal». Brais Currás, investigador da Universidade de Coímbra e do grupo de investigación EST-AP do CSIC, coordina o proxecto.
Currás salienta como empezaron a semana con moita ilusión, “e xa temos descuberta unha zona ampla con dúas sondaxes que amosan parte do pavimento das salinas, pero aínda é cedo para tomar conclusións precipitadas, polo que teremos que avanzar máis para seguir descubrindo todo o que esta zona agocha debaixo da terra. O noso obxectivo é comprender como funcionaban estas antigas salinas e tamén a súa cronoloxía exacta”.
Nos primeiros días de proxecto, xa se limpou a zona das Salinas de Camposancos, descubríndose, para sorpresa de todos, algunhas salinas escavadas na rocha que aínda non estaban catalogadas.
Na zona do Seixal trabállase nunha amplia extensión de terreo co fin de delimitar os pavimentos da salina antiga. En dúas das sondaxes realizadas xa se observan parte das estruturas que delimitan as zonas de cristalización do sal, e o avance en tan só 5 días “é extraordinario”, salientan os investigadores.
Dado o grande interese que as escavacións están a espertar entre os veciños e tamén entre os turistas, ao longo das próximas semanas serán anunciadas visitas guiadas polas diferentes zonas onde se está traballando.
«A Guarda, Mar de Sal» é un proxecto de recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal e Camposancos, na fachada atlántica sur do termo municipal da Guarda, que se levará a cabo en dúas anualidades ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo EDLP GALP7-066 aprobadas polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro para o desenvolvemento sostible das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca 2014-2020, baixo a coordinación científica de D. Brais Currás.
O obxectivo do proxecto é o desenvolvemento económico local a partir da posta en valor das paisaxes do sal da Guarda como ben patrimonial concibido como ferramenta para a promoción dun turismo sustentable e de calidade, pero tamén como un medio cultural para o reforzo da identidade mariñeira e a cohesión social das comunidades ligadas ao mar.
O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. “O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permitirán crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía”, salientan os organizadores.
O proxecto contempla a escavación arqueolóxica, traballos de topografía e prospección, documentación fotogramétrica, rutas guiadas, restauración e consolidación, instalación de paneis informativos, análise edafolóxica, datación por OSL, un proxecto de ciencia cidadá que botará a andar o próximo ano, deseño dunha páxina web, e a edición dunha guía arqueolóxica cos resultados dos traballos.
Coa presente actuación, A Guarda recuperará os traballos arqueolóxicos na zona do Seixal, buscando tanto ampliar a zona escavada no ano 2015 como manter visible unha superficie ampla dos restos de salinas que existen nesta zona, aproveitando ademais a existencia da senda litoral, para darlle un maior protagonismo e visibilidade ao xacemento, cunha “interesante” revalorización cultural e turística deste entorno.
As salinas da Guarda, segundo as escavacións realizadas no ano 2015 no Seixal, poden formar parte dun complexo salineiro de cronoloxía romana de maiores dimensións. Pero a datación destas estruturas aínda non está definida.
O proxecto arqueolóxico permitirá descubrir a súa verdadeira extensión e coñecer con precisión a súa cronoloxía. O importe total subvencionado por parte da Consellería do Mar é de 74,496,68€, repartidos en dúas anualidades(2018 e 2019).