InicioSociedadeA educación en diversidade e un 'Serán de Fantasía' centran o programa...

A educación en diversidade e un ‘Serán de Fantasía’ centran o programa ‘Tui con orgullo’

Iluminarase o palco da música da Corredoira coas cores do arco da vella e colocarase a bandeira deste colectivo na casa do concello.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Celebrar a diversidade e reivindicar unha sociedade máis xusta é o obxectivo do programa de actividades ‘Tui con orgullo’ que por terceiro ano consecutivo se vai celebrar organizado pola Concellería de Igualdade. As actividade comezaron o pasado 17 de xuño e vanse prolongar ata o venres 1 de xuño.

Dende o próximo luns e para visibilizar ‘Tui con orgullo’ colgarase da casa do Concello a bandeira LGBT, ao tempo que o palco da música no Paseo da Corredoira se iluminará coas cores do arco da vella. O martes 28 de xuño, Día do Orgullo, difundirase na web municipal e nas redes sociais municipais un manifesto.

O xoves, 30 de xuño, ás 20.30 h na Aula da UNED terá lugar a charla en aberto “Educando para o século XXI. Abrazando a diversidade” a cargo de Ana Ojea Alonso, profesora de Secundaria, titora LGBTIQA+ e coordinadora do programa de Atención á Diversidade Sexual, de Identidade de Xénero e Familiar dende o curso 2016/17 no IES Politécnico de Vigo. A poñente é tamén cofundadora e coordinadora da asociación Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia e formadora de profesorado.

Xa o venres, 1 de xullo, ás 20.30 h, no Paseo da Corredoira terá lugar o “Serán de Fantasía”. Este acto comezará co espectáculo “A drag pandereteira” a cargo de Meiga-I, que creará unha auténtica fantasía galega, pondo en valor a diversidade e a cultura propia, nunha performance na que fusiona o folk galego coa disciplina drag. A continuación ás 21.30 h, actuará a Big Band formada polo alumnado do Conservatorio Profesional de Música de Tui, que se suman a esta celebración da diversidade. 

Este programa de actividades “Tui con orgullo” comezou o pasado venres, 17 de xuño, no IES San Paio cun encontro do alumnado do centro con Nee Barros Fernández. A través da súa obra “Identidade”, Nee Barros abordou o tema da identidade de xénero dun xeito moi persoal e cunha linguaxe quen de chegar ao público máis mozo. Con esta actividade deuse visibilidade á realidade das persoas trans e dos abusos que padecen.

A participación en todas elas é de balde ata completar o aforo, sen que sexa precisa inscrición previa. Recoméndase asistir con 10 minutos de antelación. As persoas interesadas poden acadar máis información na web municipal tui.gal ou no correo igualdade@tui.gal.

ÚLTIMAS

A Audiencia de Vigo xulga a 11 acusados de fabricar ‘narcolanchas’ en Galicia e Portugal

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, acolle desde...

O BNG esixe retirar o Plan de Igualdade de Vigo por falta de consenso e un atraso de 14 anos

O grupo municipal do BNG en Vigo pediu a retirada da proposta do V...

GKN Vigo e o comité pactan retirar o ERE a cambio de ampliar a flexibilidade da xornada

GKN Driveline Vigo e o comité de empresa alcanzaron un preacordo para a retirada...

Falece un home de 56 anos ao caerlle encima unha árbore nunha leira de Soutomaior

Un home de 56 anos e veciño de Redondela faleceu na mañá deste sábado...