A explosión rexistrada este mércores nun almacén pirotécnico en Tui (Pontevedra) provocou como mínimo un morto e 30 feridos —dos cales sete son menores—, segundo fontes oficiais consultadas por Xornal de Vigo. Europa Press eleva a catro as persoas falecidas.
O estoupido ocasionou cuantiosos danos materiais tanto na zona onde se produciu como en varios quilómetros á redonda, debido á gran magnitude da onda expansiva. Hai confirmados destrozos en catro vivendas da ‘zona cero’. A Delegación do Goberno en Galicia solicitou á poboación que libere os accesos para facilitar a actuación dos servizos de emerxencias.
Así o confirmou o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, quen explicou que o suceso tivo lugar nunha vivenda na parroquia de Paramos. Debido aos danos provocados pola explosión e ao incendio orixinado, aínda non se puido avaliar o alcance da devandita explosión, aínda que o 061 confirmou que hai varios feridos.
Tamén a Deputación de Pontevedra confirmou que a explosión causou lumes adxacentes e considerables danos materiais. E comunicou que no lugar estaban actuando catro helicópteros de extinción de lumes, ademais de helicópteros medicalizados con base en Santiago de Compostela e Ourense.
A onda expansiva chegou a ocasionar danos en locais en pleno centro de Tui, a varios quilómetros de onde se produciu a explosión, que se escoitou en practicamente todo o sur da provincia. De feito, a columna de fume xerada polo incendio era visible mesmo desde zonas altas de Vigo ou Redondela.
Na zona pódense observar as desfeitas nas casas próximas e abriuse un perímetro de seguridade por risco de explosión. Ademais, hai risco de contaminación por xofre na zona.
Emerxencias médicas sinalou que recibiu unha chamada sobre as 16:25 horas deste mércores por unha gran explosión en Paramos. O 061 mobilizou 2 helicópteros, tres ambulancias medicalizadas (procedentes de Vigo, Pontevedra e Mos), catro ambulancias asistenciais e un médico de Atención Primaria.
No operativo de emerxencias, baixo a coordinación de Vicepresidencia da Xunta, participan numerosos efectivos sanitarios, Policía, Bombeiros e Protección Civil, e levou a activar o nivel 1 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (Platerga). Ademais, interveñen numerosos efectivos de Portugal.
A explosión e a onda expansiva derrubou varias casas na zona, rompendo cristais e derrubando tellados. Os danos son cuantiosos e varias vivendas estaban ardendo. “É como Chernobyl, non hai nada, non queda nada”, dixo unha testemuña presencial da contorna”, onde os danos se contan por centos.
A maiores, activouse un perímetro de seguridade tanto pola súa puidesen producirse novas explosións como polo xofre presente no aire.
En total, foron unhas 40 ambulancias as mobilizadas, evacuando a varios feridos, un deles grave. As casas máis próximas ao epicentro esnaquizáronse coa explosión, e a un home caeulle o tellado da súa casa. Polo momento non se contabilizaron vitímas mortais.
Así mesmo, a Garda Civil confirmou que varios efectivos deste corpo se desprazaron ao lugar, onde seguen traballando con membros de bombeiros e de Protección Civil.
A VIVENDA
A forte explosión produciuse nunha vivenda particular, propiedade dun familiar do dono dunha pirotecnia, que foi precintada por orde xudicial. Así o explicou o ex-alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, quen confirmou que el mesmo asinou a orde de precinto da devandita pirotecnia, situada en Baldráns (a uns poucos quilómetros da vivenda onde se produciu o suceso), en cumprimento dunha resolución xudicial por un contencioso derivado de problemas urbanísticos.
“Todo parece indicar que o responsable da empresa, unha vez que esta quedou precintada, trasladou a esa vivenda particular dun familiar ou ben a actividade ou, polo menos, o material pirotécnico para ser almacenado”, sinalou.
A explosión, que se escoitou en todo o sur da provincia de Pontevedra, produciuse sobre as 16.25 horas e a magnitude da onda expansiva provocou danos materiais moi importantes tanto na zona de Paramos (con numerosas vivendas afectadas) como noutras áreas máis afastadas.
De feito, tras a deflagración orixinouse un incendio e a columna de fume foi visible mesmo desde puntos altos de Vigo ou Redondela.
ATENCIÓNS ÁS VÍTIMAS
O Concello de Tui habilitou un punto de atención a afectados pola explosión así como un teléfono, o 9866070655.
Segundo informou o alcalde da localidade, Carlos Vázquez Padín, as persoas afectadas e os interesados poden dirixirse ao centro de atención instalado no Centro Cultural de Guillarei, ou chamar por teléfono.
AUTORIDADES DESPRAZADAS AO LUGAR
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desprazouse a Tui para facer o seguimento da situación. O seu departamento coordina o operativo.
Até o lugar está a desprazarse tamén o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva. E do mesmo xeito que Rueda, ao lugar desprazouse a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.
Fontes do Executivo autonómico confirmaron, do mesmo xeito, que tamén se desprazou a Vigo, ao Hospital Álvaro Cunqueiro, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.
Ademais, o presidente do Goberno de España, Mariano Rajoy, conversou co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, para interesarse polo accidente pirotécnico.