O persoal de Ilunion Servizos Industriais Pontevedra, centro especial de emprego do grupo ONCE, retomará este martes en Vigo as mobilizacións contra a precariedade e a explotación laboral das persoas con capacidades distintas despois dun mes de negociacións coa empresa co fin de conseguir unha mellora salarial que finalmente non se aplicará porque a dirección pretendía a cambio flexibilizar a xornada de traballo.
Segundo anunciou a CIG nun comunicado, as protestas levarán a cabo os días 8, 10, 17 e 24 de novembro diante da sede do ONCE, en Vigo, de 10,45 a 11,45 horas.
O membro da executiva da CIG-Industria, Quique Fernández, sinalou que “aos 620 empregados que Ilunion ten en Vigo aplícaselles o convenio estatal de Centros Especiais de Emprego, que contempla unhas condicións laborais e salariais precarias”. Por iso, a pesar de que os traballadores, que prestan servizos en compañías do sector do automóbil como Stellantis, Lear, Benteler ou Denso, realizan as mesmas tarefas que o persoal da empresa principal, cobran o salario mínimo interprofesional (SMI) e teñen a metade de dereitos.
Para denunciar a explotación que estes traballadores padecen, a CIG remitiu recentemente un escrito á ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, xa que na última reforma laboral establécese que, en materia salarial, os convenios de empresa non poden ser inferiores aos de sector, e que, no caso das subcontratas e contratas, este persoal estará regulado polo convenio sectorial de aplicación. Pero, tal como denunciou a CIG, o Goberno central excluíu da norma de maneira expresa os centros especiais de emprego, “condenando a este persoal especialmente vulnerable á precariedade absoluta a través da fórmula da subcontratación”.
No caso de Vigo, a CIG lamentou que “aínda que os empregados cobran o salario mínimo teñen que aguantar os elevados ritmos de traballo, a realización de horas extraordinarias e as xornadas irregulares na mesma medida que o resto do persoal das compañías de automoción. Iso a pesar de que, segundo o convenio e os centros especiais de emprego, a súa xornada máxima semanal é de 38,5 horas e non se poden facer nin prolongacións da xornada nin ter unha distribución irregular das horas de traballo”.
Ademais, a organización sindical engadiu que estes traballadores “nin sequera están a recibir a formación obrigatoria establecida por lei, algo especialmente grave tendo en conta que se trata de persoas con capacidades distintas, tanto físicas como psíquicas”.