Este xoves, 20 de novembro, terá lugar o tradicional acto anual de conmemoración e homenaxe aos caídos no campo de concentración franquista de Camposancos, na Guarda. Nesta xornada, segundo explica CC.OO. nun comunicado, asistirán dúas delegacións de Asturias e de Cataluña, integradas por persoas vinculadas a víctimas do franquismo que foron trasladadas ao campo de concentración de Camposancos.
Este acto lévase celebrando dende 1986, promovido pola inicialmente polo sindicato comarcal de CCOO Vigo e outras personalidades da sociedade civil. Na actualidade mantense pola actividade da Asociación para a recuperación da memoria histórica do campo de concentración de Camposancos e a fosa común de Sestás, constituída no 2020.
“Esta asociación naceu grazas a persoas e colectivos que, en tempos máis difíciles ca os actuais, levaron a cabo accións impagables”, explica CC.OO, que nomea, entre outros, a Xoán Noia Gil (que mercou a leira na que se atopa a Fosa Común), e a Manuel Domínguez, “Taxota”, que tamén loitou contra o esquecemento e presidiu a Comisión Cidadá que, a mediados dos 80, acometeu as obras necesarias para dotar de dignidade a Fosa Común.
O obxetivo desta asociación é “manter vivo o feito histórico” que tivo lugar entre 1937 e 1941, cando funcionou no Colexio dos Xesuitas da Pasaxe o Campo de Concentración Franquista de Camposancos. Estímase que por el pasaron arredor de 4000 persoas. En 30 xuízos sumarísimos dictáronse 233 penas de morte das que se executaron 159.
Agora, co Colexio dos Xesuitas “en estado ruinoso” e cunha Fosa que precisa de melloras e mantemento, a asociación aproveitará para reivindicar no acto público do vindeiro xoves varios obxectivos; entre eles, a aplicación dunha Unidade Didáctica sobre a historia do Campo nos centros de ensino secundario; a constitución dun fondo de depósito documental para que poida ser consultado e estudado por calquera persoa interesada; a colaboración na investigación, exhumación e divulgación sobre as vítimas da Guerra Civil e da represión franquista; e a creación en Camposancos un Centro de Interpretación dos campos de concentración franquistas.
Pretendese, explican, “que as xeracións futuras saiban a verdade do que aconteceu naqueles anos. En épocas de negacionismo do máis evidente, preservar a verdade e os seus soportes semella ser imprescindible”.
PROGRAMA
17:00 – Ofrenda floral homenaxe aos caídos no Ceminterio de Camposancos (no lateral que foi usado como paredón de fusilamento das tropas franquistas). Asistirán representantes do sociedade civil, delegacións de Asturias e Cataluña, federación de pensionistas de Vigo e Galicia e Executiva da Unión comarcal de Vigo
18:30 – Charla coloquio, interveñen:
• Saudo institucional. D. Antonio Lomba, Alcalde A Guarda.
• Presentación dos obxectivos da asociación: D.José M. Dominguez Freitas, Presidente da asociación e ex alcalde da Guarda.
• Representantes das delegacións de Asturias e Cataluña.
• Intervención de despedida: D.Antonio Torres, secretario CCOO Pensionistas Vigo e comarca.
• Actuación do Coro Cantos de Liberdade O Vínculo con Asturias e Cataluña.