InicioSociedadeO primeiro oceanográfico do mundo con propulsión a gas será entregado polo...

O primeiro oceanográfico do mundo con propulsión a gas será entregado polo estaleiro Armón no 2024

Miñones reafirma o compromiso do Goberno coa construción naval e a investigación en Vigo

PUBLICADO O

- Advertisement -

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou este martes as instalacións do estaleiro Armón en Vigo, xunto ao alcalde da cidade, Abel Caballero, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, para comprobar o avance da construción do que será o novo buque oceanográfico do CSIC, o ‘Odón de Bo’, que conta cun investimento de 85 millóns de euros e que será entregado en xuño de 2024.

Este barco, que se converterá en “insignia” da frota do Instituto Español de Oceanografía (IEO), segundo recalcou Miñones, é o primeiro oceanográfico do mundo con propulsión a gas e dobre liña de eixos. Trátase dunha nave “de moi baixas emisións”, un laboratorio flotante equipado coas últimas tecnoloxías, e “un dos barcos máis silenciosos do mundo”, tal e como recalcou o director do estaleiro, Santiago Martín.

O delegado do Goberno en Galicia puxo a construción deste buque como exemplo do compromiso do Executivo central con Vigo e con Galicia, e subliñou que ese compromiso non queda só na construción deste barco, de 85 millóns de euros, senón que se complementa con investimentos adicionais que suman outros 21 millóns para a construción dun novo Instituto de Investigacións Mariñas na cidade e para a reforma da actual sede do IEO.

Trátase dunha achega total de 106 millóns “para que Vigo siga sendo referente” non só en materia de construción de oceanográficos, senón en materia de investigación. Ademais, lembrou que a cidade será sede permanente do foro asesor sobre pesca e ciencia incluído na nova lei de Pesca Sustentable, tal e como anunciou en maio pasado a ministra de Ciencia e Innovación, Diana Morant, nunha visita a Armón.

NOVO OCEANOGRÁFICO

O director de Armón en Vigo, Santiago Martín, manifestou o “orgullo” da empresa por asumir o encargo do CSIC, e lembrou que a industria naval viguesa é líder mundial na construción deste tipo de barcos.

No caso do ‘Odón de Bo’, conta con deseño galego “cento por cento” e o 80 % da maquinaria tamén procede de empresas españolas, moitas delas galegas. O oceanográfico, o terceiro que se constrúe para o IEO (despois dos ‘Anxos Alvariño’ e o ‘Ramón Margalef’) será botado en xuño de 2023 e entregarase un ano despois, en xuño de 2024. Trátase dunha nave multivalente de 84,3 metros de eslora e 17,8 de manga, con capacidade para 58 persoas e autonomía de 50 días de navegación.

Armón entregou recentemente outro oceanográfico para Irlanda e está a construír un para Islandia. Proximamente iniciará os traballos de construción dunha unidade oceanográfica para Nova Zelandia.

ÚLTIMAS

As familias do EEI Vila Laura saen á rúa para esixir á Xunta unha profesora de apoio

Nais e pais, docentes e alumnos do EEI Vila Laura de Vigo saíron este...

A Fiscalía pide ano e medio de prisión para un home acusado de acosar con insultos homófobos a un traballador en Vigo

Un home de 39 anos enfróntase a unha petición fiscal de ano e medio...

Condenan ao Concello de Vigo por incumprimentos en materia de riscos laborais e debe indemnizar a 4 funcionarios

O Tribunal de Instancia de Vigo, Sección Social, praza 3, condenou o Concello de...

Tres mergulladores denunciados en Vigo por capturar polbo de talla inferior e extraer case seis quilos de bivalvos

A Policía Local de Vigo denunciou nos últimos días a tres persoas por irregularidades...