InicioEconomíaA CUT denuncia "inxerencias" no proceso electoral de Stellantis Vigo

A CUT denuncia “inxerencias” no proceso electoral de Stellantis Vigo

CC.OO. e UGT ven nesta actitude un afán de "tensionar".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sección sindical da CUT en Stellantis Vigo impugnou a constitución da mesa electoral central que tutelará o proceso das próximas eleccións sindicais na factoría, que se celebrarán os días 10 (para quenda de noite) e 11 de outubro (para quendas de mañá e tarde).

A delegación territorial da Xunta na cidade acolleu este mércores o acto de laudo co árbitro designado para avaliar a impugnación do acordo alcanzado polos sindicatos SIT, CC.OO. e UGT (a CIG abstívose e CUT rexeitouno) coa empresa para a constitución desa mesa central.

O portavoz da CUT, Vítor Mariño, explicou en declaracións aos medios que o sindicato ve irregularidades na constitución desa mesa, que é o órgano que vai tutelar todo o proceso electoral e a tomar decisións como a localización das mesas, a avaliación de reclamacións, etc.

A xuízo de Mariño, producíronse “inxerencias” da empresa nun proceso que debe ser dirixido polos traballadores e os seus representantes. Así, criticou que a composición desa mesa central recolle unha elevada porcentaxe de persoal “de confianza” da empresa. “Queremos un proceso o máis democrático posible, non tutelado pola empresa”, recalcou.

“TENSIONAR” O PROCESO

Mentres, os sindicatos CC.OO. e UGT lamentaron que a impugnación da CUT non vén senón a “tensionar” o proceso e a espertar “inquietude” entre os traballadores, que poden verse coartados á hora de votar. Segundo sinalou Aser Sanz, portavoz da sección sindical de UGT, a mesa electoral central é un órgano que se constitúe do mesmo xeito nas eleccións dos últimos anos, e advertiu de que a actitude da CUT “non serve para defender os traballadores”.

“Non entendemos a súa estratexia. Se as eleccións non saen como eles queren, quererán ter unha baza para xustificarse logo”, sinalou, e lembrou que xa nas eleccións de 2018 a CUT impugnou o censo, entre outras cuestións, e o laudo arbitral “non lles deu a razón”.

Na mesma liña, Santiago García, de CC.OO., sinalou que os denunciantes “pretenden sacar un rédito sindical” coa impugnación, e que a mesa electoral central se constitúe precisamente para fiscalizar o proceso. “Non entendemos este novo intento (…), hai que dar seguridade, tranquilidade aos traballadores”, apostilou.

ÚLTIMAS

A Policía de Vigo mantén abertas todas as liñas de investigación polo incendio dun edificio en Cesáreo González

A Policía Nacional de Vigo investiga "con todas as liñas abertas" o incendio ocorrido...

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...