InicioSociedadeVeciñanza de Teis envía ouriñais a Xunta e Concello para reclamar aseos...

Veciñanza de Teis envía ouriñais a Xunta e Concello para reclamar aseos na ETEA

A Asociación de Veciños de Teis volve denunciar o abandono da zona por parte destas dúas administracións.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Asociación de Veciños de Teis realizou este xoves un envío simbólico de senllos ouriñais á Xunta de Galicia e ao Concello olívico para seguir demandando a instalación de aseos nos terreos da antiga Escola de Transmisións e Electrónica da Armada (ETEA) e para volver denunciar o abandono da zona por parte destas dúas administracións.

O presidente da asociación, Anxo Iglesias, explicou que a veciñanza “non se vai cansar” de demandar melloras nesa área, entre elas os aseos, e lamentou que, 20 anos despois da saída dos militares do recinto, a situación da ETEA non mellorou e segue “o abandono”, todo iso a pesar das reiteradas demandas veciñais.

Por outra banda, referiuse ao anuncio do alcalde, Abel Caballero, sobre a desafectación dos terreos asignados á administración municipal para devolvelos á Zona Franca, e sinalou que a asociación se opón a esa devolución. Respecto diso, lembrou que a asignación de parcelas se fixo en virtude dun convenio asinado en 2009 e que, sorprendentemente, 13 anos despois, “está a falarse da titularidade dos terreos e non da súa recuperación”. “O preocupante é que a ETEA segue abandonada por uns e outros”, apuntou.

Anxo Iglesias instou o Concello a “buscar unha solución, que xa se tiña que buscar antes”, que podería pasar por negociar un novo convenio, á vez que denunciou que, ata agora, a negativa do goberno local a ceder os viarios impediu a urbanización doutras parcelas e o desenvolvemento dos plans sectoriais aprobados. “Ao final, falamos de perda de tempo, e coa desafectación, será máis tempo perdido”, criticou.

ÚLTIMAS

A falta de compoñentes obriga a Stellantis Vigo a suspender a produción do modelo Peugeot 2000

Stellantis Vigo suspenderá a actividade produtiva do Sistema 1, o que fabrica o Peugeot...

A acampada pola vivenda de Vigo retirará as tendas a partir do 15 de novembro

A Acampada pola vivenda de Vigo, asentada desde o 12 de outubro na Alameda,...

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...