InicioVigo e contornaVigoRueda pide a Caballero que "faga os deberes" na ETAP en vez...

Rueda pide a Caballero que “faga os deberes” na ETAP en vez de “culpar á Xunta”

"En que foron empregados os 50 millóns que os vigueses pagan pola auga?", preguntouse o número un da Xunta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, referiuse este martes ao enésimo desencontro co alcalde de Vigo, Abel Caballero, en relación aos problemas de abastecemento de auga se persiste a seca, e convidou ao goberno local vigués a “facer os deberes“.

Así o trasladou a preguntas dos medios durante unha visita a un albergue de peregrinos en Palas de Rei e, tras facer un chamamento a todos os municipios para que revisen as súas redes e arranxen posibles fugas, sinalou que o goberno galego, que xa “axudou” aos concellos en materia de depuración, fará agora “especial insistencia” no abastecemento.

Con respecto ao caso concreto de Vigo, apuntou que os municipios deben estar “pendentes” de que as súas instalacións poidan aproveitar un recurso “escaso” como a auga potable, e lembrou que a cidade olívica non pode facer iso no encoro de Eiras (do que se abastece) porque a súa potabilizadora non pode tratar a auga cando o volume embalsado baixa do 40 %.

“Eu non o chamaría polémica, aínda que o goberno de Vigo sempre que ten un problema trata de convertelo en polémica coa Xunta”, sinalou, en alusión ás críticas de Abel Caballero, e engadiu que “hai moito tempo que se advertiu” de que a ETAP de Vigo, nas condicións nas que estaba, “ía ter moitos problemas para funcionar e garantir o abastecemento en momentos de seca”.

Por iso, preguntouse “en que foron empregados” os “50 millóns” que os vigueses pagan ao Concello en taxas pola auga. “Desde logo, en arranxar a potabilizadora non”, constatou, e lamentou que “se empezou tarde” a obra para a ampliación e modernización desta instalación hidráulica.

Alfonso Rueda afirmou que “é unha pena” que a ETAP non poida garantir o abastecemento cun volume de auga embalsada do 40 %, como si poden facer outros municipios, e iso porque a planta de tratamento “non pode traballar de forma adecuada” con ese nivel de auga en Eiras (que pode alcanzarse en novembro) e o Concello “non o arranxou”.

“Espero que isto sirva para que se poñan as pilas. Se cren que botarlle a culpa á Xunta vai solucionar o abastecemento, diríalles que non. O que soluciona é que fagan os deberes, e que os tivesen feitos en tempo e forma”, sentenciou o presidente do goberno galego.

ÚLTIMAS

A falta de compoñentes obriga a Stellantis Vigo a suspender a produción do modelo Peugeot 2000

Stellantis Vigo suspenderá a actividade produtiva do Sistema 1, o que fabrica o Peugeot...

A acampada pola vivenda de Vigo retirará as tendas a partir do 15 de novembro

A Acampada pola vivenda de Vigo, asentada desde o 12 de outubro na Alameda,...

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...