InicioSucesosDetido o presunto autor de case unha decena de estafas en Vigo

Detido o presunto autor de case unha decena de estafas en Vigo

Detido tamén un veciño de Vigo implicado nunha liorta e que supostamente tratou de agredir a axentes de Policía.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron un home como suposto autor de case unha decena de estafas cometidas en Vigo, a través do método das transferencias bancarias simuladas.

Segundo informaron fontes policiais, o sospeitoso contactaba coas súas vítimas a través de páxinas de Internet dedicadas á compravenda de artigos de segunda man, mostrando interese en adquirir terminais de telefonía móbil de alta gama. Tras chegar a un acordo cos vendedores e concertar unha cita, esta persoa enviaba ao teléfono das vítimas un ‘pantallazo’ dunha suposta transferencia bancaria, simulando que fixera o pago, cando era falso e realmente non se formalizou a transacción.

Unha vez que conseguía os teléfonos, o estafador dirixíase inmediatamente a tendas físicas de artigos de segunda man en Vigo ou en Pontevedra, e vendíaos para obter un beneficio ilícito. Dáse a circunstancia de que o sospeitoso mantiña logo o contacto coas vítimas, ás que puña múltiples escusas para facerlles crer que lles chegaría o diñeiro acordado.

A investigación policial permitiu identificar e deter o presunto autor destas estafas, que ten antecedentes por feitos similares.

LIORTA

Doutra banda, axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño da cidade, B.P.M., de 37 anos de idade, que propinou un cabezazo a outro home no transcurso dunha rifa, e que logo tentou supostamente agredir aos funcionarios que o identificaron.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste martes, cando efectivos do 092 acudiron a un local da rúa Torrecedeira para facer unha inspección. Ao chegar, atopáronse con dúas mulleres que estaban a discutir e agredíndose mutuamente.

Segundo as primeiras pescudas, as mulleres estaban a se pelexar porque unha delas agredira supostamente á irmá da outra, pero a orixe da liorta foi o ataque dun home a outra persoa que se atopaba no local. As testemuñas relataron que B.P.M. se achegou a un mozo que se atopaba no establecemento e, sen mediar provocación, propinoulle un cabezazo. A súa acompañante feminina recriminoulle a acción, o que levou á disputa que acabou en pelexa.

O suposto agresor atopábase no lugar, segundo a Policía, “moi alterado”, e comezou a increpar e insultar aos axentes. Cando os funcionarvos trataron de suxeitalo, o home revolveuse e tentou darlle un cabezazo a un deles, polo que foi reducido e detido, como presunto autor dun delito de atentado contra axente da autoridade.

ÚLTIMAS

A Xunta condena o crime do Porriño e traslada as súas condolencias a familia e achegados da traballadora social

O Goberno galego trasladou o seu "máis firme condena" ante "o...

Detido un home por matar a unha traballadora social que lles atendía a el e á súa muller en O Porriño

A Garda Civil está a investigar a morte violenta dunha traballadora social do servizo...

Detido un mozo en Vigo por saltar unha orde de afastamento e ameazar á súa nai

Un mozo, de Vigo e 19 anos de idade, foi detido o pasado sábado...

Usuarios denuncian o abandono das pistas de tenis de Samil, con sete delas pechadas desde hai dous anos

Usuarios do complexo deportivo municipal de Samil, en Vigo, denunciaron este martes o "abandono"...