“Pensar e planificar Valença e Tui dun xeito conxunto para un futuro sostible no que poidamos compartir e sacarlle o máximo proveito á nosa estreita e histórica relación”. Así resumiu o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o encontro mantido co presidente da Cámara de Valença, José Manuel Vaz Carpinteira, para presentarlle os obxectivos da Axenda Urbana de Tui.
Enrique Cabaleiro trasladou ao seu homólogo en Valença as principais liñas nas que traballará a Axenda Urbana local para a consecución dos 10 obxectivos marcados polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. “Planificación conxunta do futuro das dúas cidades en todos os eidos” e “cooperación para potenciar a economía” foron os eixos centrais da conversa, na que Cabaleiro e Carpinteira coincidiron na necesidade de alimentar ese “estreito vínculo entre as persoas dun e doutro lado da Raia”.
A Axenda Urbana é unha estratexia que recolle o crecemento sostible de Tui a dez anos con proxectos, accións e iniciativas nas que a veciña Valença estará presente. Así, a Axenda Urbana é un marco estratéxico e non normativo que busca orientar as decisións e as políticas que inciden no territorial e o urbano cunha visión global, integrada e continuada no tempo.
Ordenar o territorio e facer un uso racional do solo, conservalo e protexelo; evitar a dispersión urbana e revitalizar a cidade existente; previr e reducir os impactos do cambio climático e mellorar a resiliencia; facer unha xestión sostible dos recursos e favorecer a economía circular; favorecer a proximidade e a mobilidade sostible; fomentar a cohesión social e buscar a equidade; impulsar e favorecer a economía urbana; garantir o acceso á vivenda; liderar e fomentar a innovación dixital e mellorar os instrumentos de intervención e a gobernanza son os dez obxectivos que recolle a Axenda Urbana.