InicioVigo e contornaVigoAtrasada a apertura da nova estación de Vigo por falta de confirmación...

Atrasada a apertura da nova estación de Vigo por falta de confirmación do fin das obras desde o Concello, di a Xunta

A Xunta anunciou hai varios días a súa intención de abrir a nova estación de buses nesa data, e solicitou ao Concello de Vigo que, antes do 4 de xullo, achegase a documentación para acreditar que os accesos estaban terminados e que contaba co permiso do Ministerio.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia confirmou este mércores que xa non poderá pór en funcionamento a nova estación de autobuses de Vigo o próximo 1 de agosto, tal e como planificara, ao non contar coa confirmación oficial por parte do Concello sobre a finalización das obras dos accesos á terminal ou a autorización necesaria do Ministerio de Transporte.

Nun comunicado remitido aos medios, a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández-Tapias, sinalou que a administración autonómica vese na obrigación de atrasar a apertura da terminal unha vez que se superou o prazo dado ao Concello olívico sen que este presentase a documentación necesaria que acredite a finalización dos accesos e o permiso do Ministerio, para poder pola en funcionamento o 1 de agosto, tal e como previra.

A Xunta anunciou hai varios días a súa intención de abrir a nova estación de buses nesa data, e solicitou ao Concello de Vigo que, antes do 4 de xullo, achegase a documentación para acreditar que os accesos estaban terminados e que contaba co permiso do Ministerio. Dese modo, a administración galega tería un mes para organizar o traslado de liñas e frecuencias desde a terminal da Avenida de Madrid, e informar os usuarios.

Fernández-Tapias lamentou que o goberno local non achegou esa documentación e, sen esa confirmación, a Xunta “non pode activar os traballos para o trasladado da actividade” da estación de buses.

A Xunta pediu “responsabilidade” á administracióin municipal e concreción nas datas e achega de documentos, “para evitar maior confusión aos usuarios, que deben dispor de toda a información sobre o cambio dos servizos de estación co tempo suficiente”.

Este xoves está prevista unha reunión da comisión de seguimento do convenio que ampara as obras do complexo intermodal de Urzáiz, e a Xunta pedirá “certezas” ao Concello. Respecto diso, lembrou que a administración galega “cumpriu o seu compromiso cos vigueses”, ao ter finalizados os traballos da nova estación o pasado 10 de xuño, tras un investimento de 18 millóns de euros, e quere “pola ao servizo dos cidadáns canto antes”.

RESPOSTA DO CONCELLO

O Concello de Vigo saíu ao paso destas manifestacións reiterando, a través dun comunicado, que os accesos á estación de autobuses estarán listos o 31 de xullo, tal e como anunciou hai uns días o propio alcalde, Abel Caballero.

“Nesa data a estación poderá ser usada e a disposición da cidade, que é o que pediron e aseguramos. En consecuencia, a demanda ao Concello está cuberta“, reza ese comunicado, que asina o portavoz do grupo municipal socialista, Carlos López Font.

En todo caso, precisou que a autorización do Ministerio de Transportes debe ser tramitada pola Xunta de Galicia e non pola administración municipal, e incidiu en que a delegada do goberno galego “oculta que a Xunta non sabe, a estas alturas, como vai realizar o traslado dunha estación a outra”.

Respecto diso, aseverou que aínda non comunicou ao Concello a operativa dese traslado, e que non solicitou os permisos das rutas de entrada á cidade. “É todo unha gran mentira da señora Tapias, xa que nin sequera comezaron os trámites legais para poder abrila”, recalcou López Font.

Por outra banda, denunciou que o pasado luns se celebrou unha reunión entre o Concello, o Ministerio de Transportes e Audasa para abordar as autorizacións e proceder á apertura dos accesos por fases, “e a Xunta de Galicia negouse a asistir” a pesar de ser a súa “obrigación”. “É evidente que non están en condicións de abrir a estación de autobuses”, resolveu o portavoz socialista.

ÚLTIMAS

Abel Caballero esixe desculpas a Alfonso Rueda polo atraso do AVE a Porto ata 2039

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou contra o presidente da Xunta, Alfonso Rueda,...

25 de Abril: Unha revolución permanente

O 25 de abril de 1974 foi unha revolución decisiva en Portugal, que acabou...

Tres persoas feridas, unha delas de gravidade, nun incendio nun edificio en Vigo

Tres persoas resultaron afectadas, unha delas de gravidade, tras un incendio nun edificio situado...

Detidas tres mulleres dunha mesma familia en Vigo por explotar sexualmente a mulleres estranxeiras

Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo a tres mulleres da mesma familia como...