InicioCulturaVigo lembra e celebra os 50 anos da Casa de Rosalía

Vigo lembra e celebra os 50 anos da Casa de Rosalía

Os actos terán lugar o mércores, 6 de xullo, coa inauguración da mostra “A Casa de Galicia” na Farola de Urzáiz; unha conferencia de Anxo Angueira e un concerto de Su Garrido na sede da Deputación.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Este mércores inaugúrase ás 19 horas en Vigo a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’ na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas. No acto estarán presentes o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira; a deputada María Ortega, e a presidenta da Deputación de Pontvedra, Carmela Silva.

Ademais, co apoio da Deputación de Pontevedra, esta acción complementarase cunha conferencia do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, sobre “A Casa de Rosalía e Vigo”, e a actuación da cantora viguesa Su Garrido, que tamén interpretará temas rosalianos. 

A mostra, que se pode visitar na Farola de Urzáiz, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo e grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. 

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.

No caso concreto de Vigo destacou a implicación do Celta de Vigo, que doou unha peseta de cada entrada dun partido contra o Real Madrid en Balaídos en 1971; ademais de asociacións e particulares, como Xosé Luís Méndez Ferrín, o libreiro Antón Patiño, Xosé Luís Franco Grande, Xosé María Álvarez Blázquez, Zulueta de Haz, Daniel Pino, Carlos Casares, os irmáns Massó ou Bernardino Graña, entre moitos outros. 

Esta exposición, que xa estivo nunha ducia de localidades, logo continuará a súa itinerancia por vilas de Lugo. 

ÚLTIMAS

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...

O BNG denuncia un “recorte salvaxe” de camas na área de Vigo este verán

O BNG esixiulle á Xunta que "rectifique" o peche de camas e os "recortes"...

Revogada a condena a un pub de Vigo por difundir un vídeo onde se vían dous clientes “en actitude cariñosa”

A Audiencia de Pontevedra estimou un recurso presentado por un local de lecer de...