O xuízo contra dous mozos acusados de abusar sexualmente dunha moza que se atopaba inconsciente e de gravalo co móbil saldouse finalmente cun acordo de conformidade e con penas de menos de tres anos de cárcere para cada un dos procesados, tras un acordo das defensas coa Fiscalía.
Así, os dous acusados, Manel R.B. e Braulio L.S., que están en prisión desde decembro de 2020, recoñeceron os feitos, e foron condenados nunha vista de conformidade na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.
Braulio L.S. foi condenado a un total de 2 anos, 7 meses e 15 días de prisión como autor dun delito de abuso sexual con acceso carnal por vía bucal e como cómplice dun delito contra a intimidade. Ademais, impúxoselle unha multa de 540 euros, a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima durante 8 anos (unha vez que saia do cárcere), e a medida de liberdade vixiada durante 7 anos.
Pola súa banda, Manel R.B. foi condenado a un total de 2 anos e tres meses de prisión como autor dun delito de abuso sexual e outro contra a intimidade. Tamén terá que pagar unha multa de 1.080 euros, non poderá achegarse ou comunicarse coa vítima durante 8 anos e impor a medida de liberdade vixiada durante 5 anos.
Con respecto á responsabilidade civil, ambos deberán indemnizar conxunta e solidariamente á vítima en 10.470 euros, aínda que xa consignaron parte desa indemnización. Así, Manel depositou xa 5.000 euros e Braulio outros 2.000 euros e, precisamente por iso, a Fiscalía tivo en conta a atenuante de reparación do dano, na modificación da súa acusación.
FEITOS
Os feitos remóntanse á madrugada do 11 de agosto de 2020, cando estes dous amigos coincidiron coa vítima, á que coñecían, nun local de copas. Tras consumir varias bebidas, os tres fóronse nun taxi ao piso dun dos acusados, momento en que a moza perdeu a conciencia.
Os acusados aproveitaron que a moza non se podía defender e tombárona nunha cama, quitáronlle o pantalón e a roupa interior, e dedicáronse a manoseala e a facer comentarios obscenos e de mal gusto, mentres se turnaban para gravalo todo cun teléfono móbil.
Con ánimo de humillala e menoscabar a súa dignidade, golpeáronlle as nádegas, losqueárona, cuspíronlle, insultárona e un deles meteulle o pene na boca, mentres a vítima estaba inconsciente.
A gravación destas vexacións foi gardada no teléfono móbil dun dos acusados, e durante un breve período de tempo difundiuse entre os seus coñecidos e coñecidos da propia vítima, a través da rede social Instagram.