O Real Club Celta ofreceu esta tarde en Balaídos un vistoso e entretido encontro co Español, no que calquera dos dous puido levarse a vitoria mais ningún o logrou. Os minutos pasaron tan rápido como este verán, e queda a sensación agridoce de que regresar a postos de Europa League non termina de parecer un obxectivo realista.
Ambos equipos xogan ben ao fútbol, o Celta con máis posesión e xogadas individuais e o Espanyol facendo parecer fácil chegar á meta do Celta. Ilusiona o noso centro do campo, con Lobotka e a nova incorporación de Fran Beltrán, que se moveu con elegancia polo terreo de xogo, deixando ata filigranas. Tamén vimos as de Mor ou Boufal, outra cara nova.
Non tan celebradas foron as internadas de Sisto, que perdeu moitos balóns e se cadra xerou máis perigo ao Celta que ao Espanyol, polo que foi o primeiro troco de Antonio Mohamed.
Trátase dun xogador que conta con defensores e detractores na bancada celeste. A pesar das súas evidentes dotes e poderío físico, que poden levalo a ser un crack, aínda lle queda moito por demostrar en Balaídos.
Por el ingresou Emre Mor, aquela fichaxe esperanzadora que chegou de Dortmund. Mor é un deses xogadores dos que mirar recopilatorios de grandes xogadas no YouTube, pero tampouco termina de convencer aos técnicos celestes e de gañarse a titularidade.
Hoxe comezou algo tibio, mais terminou por demostrar a súa habilidade e o perigoso que pode chegar a ser co balón nos pés. Hai que agardar, a xuventude é o que ten. Tanto pode ser asubiado pola súa propia afección como converterse en icona do celtismo.
Os primeiros 20 minutos foron de certo dominio (sen verdadeiro perigo) do Celta, ben plantado no campo e coa situación baixo control. Pero as tornas cambiaron, provocando o tanto de Hermoso, e o equipo catalán marchou aos vestiarios por riba do marcador.
Á volta, Aspas deixou o 1-1 definitivo. Ocasións houbo para que tanto o Espanyol ou o Celta aumentaran a súa conta nos últimos minutos, pero non houbo maneira. Boa estirada de Sergio Álvarez a piques de rematar o encontro.
Este partido foi o primeiro en empregar o VAR en Balaídos (ademais de que, para sorpresa de moitos afeccionados, houbo tempos mortos á media hora de cada parte).
En todo caso, quedou ben claro que co VAR non morre a polémica. O xogo continúa á interpretación do árbitro, e a grada criticou un gol anulado, unha amarela a Aspas ou un posible penalti, entre outras xogadas. A subxectividade nunca abandonará este deporte, nin falla que fai.
O celtista descontento co empate, que se quede co bo partido das novas incorporacións, como o lateral esquerdo Júnior Alonso, e coa xuventude do equipo, sumada á veteranía de Mallo ou Aspas. A esperanza, o último que perder.