InicioEconomíaA Cámara de Comercio de Pontevedra pide "diálogo e ambición" para acoller...

A Cámara de Comercio de Pontevedra pide “diálogo e ambición” para acoller unha xigafactoría de Stellantis

"Unha fábrica líder en Europa non pode estar a sufrir microcortes na subministración que afectan día si e día tamén á produción", lamentou o presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, José García Costas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, José García Costas, pediu este martes “diálogo e ambición” para que España poida acoller unha das xigafactorías de baterías do grupo automobilístico Stellantis, “que apontoaría tamén o futuro das plantas españolas, entre elas a de Vigo”.

Así o sinalou durante unha reunión mantida xunto co director da factoría de Balaídos, Ignacio Bueno, na que tamén estivo presente o vicepresidente primeiro do ente cameral, José Manuel Fernández Alvariño.

Os responsables da Cámara trasladaron a Bueno o seu “máximo apoio” á demanda da conexión á rede eléctrica de moi alta tensión para que se repare o “grave erro” da exclusión do enganche do polígono vigués á devandita rede. “Unha fábrica líder en Europa non pode estar a sufrir microcortes na subministración que afectan día si e día tamén á produción”, lamentou García Costas.

Durante o encontro, abordáronse tamén outros temas como as “limitacións” do proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) do vehículo eléctrico para que o investimento que suporía unha nova plataforma industrial de vehículos eléctricos para a fábrica de Vigo poida optar a fondos europeos.

A Cámara de Comercio informou a Bueno da rolda de contactos que está a levar a cabo a nivel estatal para lograr unha “fronte común” de apoio a estas demandas que blinde o futuro “dunha empresa tractora da economía galega”.

“O Goberno debe loitar por atraer investimentos que estamos a ver que se escapan aos países veciños, aos nosos directos competidores, que ven así garantida a viabilidade das súas plantas na transición ao coche eléctrico”, indicou Fernández Alvariño.

Pola súa banda, García Costas subliñou que os investimentos estratéxicos en Europa van estar centradas nas baterías e nos microchips, polo que España “non pode quedar á marxe”.

ÚLTIMAS

Un profesor da Universidade de Vigo reúne 180.000 nomes de invertebrados nunha obra única no mundo

A Universidade de Vigo presentou este venres o último libro do profesor da Facultade...

Dous detidos e un investigado pola malleira a un home nun parking do Porriño

A Garda Civil de Pontevedra detivo a dous homes e investiga a un terceiro...

Organizacións de produtores de Vigo reclaman axilizar axudas ante a “difícil situación” da frota pesqueira

Organizacións de produtores viguesas (Opnapa, OPPC-3 e OPPF-4) trasladaron á secretaria xeral de Pesca,...

Besteiro pon o foco nas 100.000 vivendas baleiras de Galicia e esixe á Xunta actuar, poñendo a Vigo como exemplo de boa xestión: “Non...

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, puxo este venres como exemplo...