InicioVigo e contornaVigoVigo terá que abonar 295.000€ ao Celta tras o fallo do TSXG

Vigo terá que abonar 295.000€ ao Celta tras o fallo do TSXG

A subvención foi comprometida para 2019 pero non se chegara a executar.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou un recurso do Concello de Vigo contra unha sentenza de primeira instancia, e ordénalle tramitar unha subvención de 295.000 euros para a Fundación Celta, comprometida nos orzamentos municipais de 2019.

Segundo a sentenza, no seu recurso, o Concello, limitouse a repetir os argumentos esgrimidos en primeira instancia, sen achegar probas de que a resolución do Contencioso Administrativo 1 de Vigo sexa contraria a dereito.

Os feitos remóntanse a xullo de 2020, cando a Xunta de Goberno Local acordou desestimar a petición da Fundación Celta sobre o abono desa subvención, que ía destinada a dinamizar o fútbol base e que non se fixo efectiva. A entidade celeste presentou entón recurso nos xulgados vigueses, que lle deron a razón, ao considerar que non se cumpriron os trámites para conceder as subvencións directas nominativas contempladas no orzamento local de 2019, e o Concello respondeu cun recurso de apelación ante o TSXG.

Na súa sentenza, o alto tribunal galego expón que o recurso presentado polo Concello “adoece dunha absoluta falta de crítica da sentenza apelada”, á vez que asegura que se trata “dunha mera reiteración dos argumentos de instancia, disfrazados ou reformulados”.

Por iso, os maxistrados lembran que o recurso “non constitúe unha segunda instancia para repetir os mesmos argumentos que xa se resolveron”, xa que “soamente deben considerarse as alegacións que se dirixan a acreditar o erro en que se puido incorrer na sentenza que se impugna, a falta de valoración debida da proba practicada ou defecto na aplicación da norma xurídica que resulte aplicable”.

Así, o TSXG ve “evidente” que o Concello non está conforme co fallo e que, ao presentar recurso de apelación, o que fai é “evitar que adquira firmeza, dilatando o seu cumprimento”. Ademais, afirma que o Concello se alza “contra unha sentenza que precisamente ordena que cumpra as obrigacións de tramitación omitidas”.

ÚLTIMAS

Vigo activa a prealerta por seca e restrinxe o uso da auga en baldeos, regos, fontes e duchas das praias

O Concello de Vigo activou a situación de prealerta por seca e adoptou medidas...

Vigo acollerá un concerto solidario para axudar a Venezuela

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a celebración dun concerto solidario...

Desconvocada a folga nas lavandarías dos hospitais da área de Vigo

O comité de empresa e a dirección de Elis Manomatic, que presta o servizo...