O alcalde de Vigo, Abel Caballero, proclamou este mércores que a cidade, grazas á xestión do seu goberno, pódese situar agora “á altura de Madrid, Barcelona, Valencia e Bilbao”, cando “hai 15 anos a xente preguntaba onde quedaba Vigo”.
Así o manifestou durante o pleno ordinario deste mes, e tras as intervencións dos grupos da oposición criticando a xestión económica do goberno local, a baixa execución orzamentaria ou a falta de medios propios para facer auditoría de contas. “Non sei de que cidade están a falar”, respondeu o rexedor olívico ás formulacións dos grupos.
Caballero foi especialmente crítico co PP, e co seu portavoz, Alfonso Marnotes, a quen afeou que o interrompese constatemente. “Teña educación elemental, cando vostede falou escoitárono. Xa entendemos por que ía de número 20 na lista electoral”, ironizou o alcalde.
O alcalde puxo en valor a súa acción de goberno nos últimos 15 anos, coa ‘humanización’ de centos de rúas, investimentos en instalacións deportivas e reforma do estadio de Balaídos, os “proxectos turísticos en crecemento máis importantes de Europa”, unha nova depuradora, a futura nova potabilizadora, ou as grandes infraestruturas reactivadas (AVE por Cerdedo, saída sur ferroviaria, ou autovía ao Porriño), entre outras cuestións. Todo iso “sen axuda da Xunta” nin do PP.
Así mesmo, puxo en valor que, como rexedor, encadeou dous mandatos como presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), algo que “tardará en volver pasar centos de anos”.
“Así lles vai, que teñen 4 concelleiros (o grupo ‘popular’), porque están na defensa permanente da Xunta, de Santiago e doutros municipios. O que eu digo é o que pensa a cidade, e cando algún ministerio trata mal a Vigo, eu póñome do lado da cidade”, sentenciou, antes de constatar que, se o seu goberno ten o 70 % do apoio electoral “algo estará facendo ben” .
