InicioSociedadeUn grupo investigador de Vigo, primeiro do mundo en demostrar a eficacia...

Un grupo investigador de Vigo, primeiro do mundo en demostrar a eficacia do litio para tratar a Covid

Aumenta a resposta inmunolóxica e reduce a actividade inflamatoria nas persoas enfermas.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Investigadores do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo publicaron un artigo na revista Frontiers of Pharmacology que demostra a eficacia do tratamento con carbonato de litio para persoas enfermas con Covid.

Trátase da primeira investigación mundial que constata os beneficios do litio en pacientes nun ensaio clínico controlado, e recolle os resultados obtidos polo Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, dirixido polo doutor José Manuel Olivares.

“Estamos moi satisfeitos, xa que isto culmina un importante traballo de investigación que vimos desenvolvendo en diferentes fases durante estes dous últimos anos, e nun contexto asistencial moi complicado”, subliñou Olivares.

Así, desde o inicio da pandemia de Covid, este grupo traballou nesta nova terapia con carbonato de litio, e fixéronse uns primeiros estudos con resultados alentadores, o que animou o persoal investigador a realizar o ensaio clínico.

O carbonato de litio é un fármaco de uso exclusivo baixo prescrición médica que se emprega desde hai 70 anos en distintos cadros psiquiátricos, como o trastorno bipolar, a depresión resistente ou determinados cadros de irritabilidade e axitación. Desde hai un tempo coñécese que ten capacidade para inhibir a replicación de varios tipos de virus, entre eles algúns similares ao SARS-CoV-2.

Outra das súas propiedades é a capacidade para aumentar a resposta inmunolóxica, incrementando os niveis de linfocitos; así como a capacidade de previr e diminuír a actividade inflamatoria (causante princial dos problemas en pacientes máis graves).

ENSAIO CLÍNICO

Para facer este ensaio contouse coa participación dos servizos de Psiquiatría, Medicina Interna, Microbioloxía, Medicina Intensiva e Urxencias do hospital Álvaro Cunqueiro. O grupo recrutou 30 pacientes ingresados con Covid-19 e, de modo aleatorio, asignáronse 15 para recibir a terapia habitual, e outros 15 para ser tratados tamén con litio.

Os resultados indicaron que o litio foi capaz de reducir o número de días de ingreso e o risco de falecemento, así como os síntomas de Covid persistente ao mes do inicio do tratamento. O biólogo Carlos Spuch, outro dos autores do artigo, sinalou que tamén se puido confirmar en laboratorio que os pacientes tratados con litio presentaron un rápido aumento das defensas linfocitarias, e unha redución dos niveis das citoquinas inflamatorias.

Todo iso sen que se rexistrasen efectos secundarios relevantes, o que pon de manifesto que o uso do litio nestes pacientes é seguro. O estudo liderado polo grupo vigués abre un novo campo na investigación de novas terapias fronte ao Covid e mellora as expectativas de control da enfermidade.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...