A Xunta de Galicia licita por máis de 73.000 euros o contrato de servizo para a eliminación da especie invasora ‘fallopia japónica‘ nas Gándaras de Budiño, no concello pontevedrés do Porriño.
Tal como indicou o Goberno galego nun comunicado, esta especie vexetal ten a súa orixe en Xapón e China, introducíndose en Galicia como unha planta de uso ornamental. Na actualidade está a afectar á conservación dos hábitats que se localizan nesta zona de especial conservación.
O obxectivo do servizo será eliminar os focos e puntos desta especie de flora exótica invasora que son a orixe da propagación cara o espazo protexido, que será repoboado con vexetación autóctona.
Estes traballos teñen un prazo máximo de execución de 19 meses e consistirán na roza manual e tratamento fitosanitario para eliminar os pés da especie invasora. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas teñen de prazo ata o 13 de abril.