A Central Intersindical Galega (CIG) levantará un monumento en Vigo, que se instalará no barrio de Coia, para conmemorar o 50 aniversario das loitas obreiras de 1972, segundo anunciou este luns o secretario xeral da organización sindical, Paulo Carril, e o secretario comarcal da cidade olívica, Alberto Gonçalves, en rolda de prensa.
Ambas compareceron este luns ante os medios de comunicación para dar a coñecer os actos e as mobilizacións que se desenvolverán na cidade baixo a lema ‘Somos Clase. Somos Nación. A loita continúa’, destacando a instalación dunha escultura no barrio de Coia en recordo das protestas de setembro na cidade, así como a celebración dunha gran manifestación nacional.
Carril explicou que a CIG comezou a semana pasada os actos conmemorativos dos 50 anos das loitas de 1972, “sobre a base de que a historia contemporánea do movemento obreiro galego está construída a partir destas mobilizacións, primeiro en Ferrol, o 10 de marzo, e despois en Vigo, en setembro“.
Por iso, segundo recolle nun comunicado, a CIG enfoca a conmemoración desas datas, “non como un exercicio de nostalxia”, senón de reivindicación para manter “vivas e vixentes” as loitas que deron orixe ao movemento obreiro galego”.
“Sobre todo nun momento como o actual no que asistimos a unha ofensiva do capital contra a clase traballadora e contra o futuro do país”, reivindicou o líder sindical. Neste sentido, criticou que a nova reforma laboral non supón unha derrogación das medidas tomadas polo PP na mesma liña, e “non recupera nin recolle novos dereitos”.
ACTOS
Entre os actos que a CIG ten programados con motivo do 50 aniversario das loitas obreiras atópanse a proxección do traballo audiovisual ‘A semente de 1972’, a edición dun libro e unha gran mobilización en Vigo no mes de setembro.
Isto súmase á estatua do escultor Javier Diéguez Mosquera, membro da Asociación de Canteiros de Galicia, que instalará no barrio de Coia e está formada por catro pedras de entre 2,3 e 1,2 metros de longo. A idea é poder inaugurala tamén en setembro.
Pola súa banda, Gonçalvez puxo o foco na proxección do traballo audiovisual, que terá lugar en distintos centros educativos da comarca e en sedes de asociacións veciñais e colectivos culturais. “É necesario coñecer o que representa 1972 para a memoria colectiva, non só da clase obreira, senón tamén de Vigo, por moito que se queira silenciar, porque ese ano é historia viva da nosa cidade, e como tal temos que reivindicalo”, engadiu.