InicioPolíticaFeijóo chama "cacique" ao Goberno polo acordo para a primeira fábrica de...

Feijóo chama “cacique” ao Goberno polo acordo para a primeira fábrica de baterías en España

"Se cae a automoción, Galicia tería un problema económico de primeiro nivel", sinalou o presidente da Xunta.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non pode estar “máis de acordo” con “todo” dito polo conselleiro delegado de Stellantis, Carlos Tavares, en relación á implantación do coche eléctrico, as súas pautas e prazos de acordo coas directrices europeas. Tamén tachou de “enorme cacicada” o consorcio do Goberno central con Seat e Iberdrola para activar a primeira fábrica de baterías de España.

“O señor Tavares puxo sobre a mesa a verdade, que da automoción sabe máis o sector da automoción que os políticos”, sentenciou o presidente galego, en relación á postura expresada por Tavares nunha entrevista concedida a varios medios europeos, entre eles ‘El Mundo’.

“É sorprendente que se lle diga como facer o pan a un panadeiro”, sentenciou o dirixente galego, antes de incidir en que lle parece “moi ben” que se determinen “as características das emisións”, pero non que o Goberno “impoña un sistema único, cun prazo único”, que poida pór en cuestión a unha industria estratéxica, dixo, para España e de forma significativa para Galicia.

Tras afear tamén a falta de comunicación do Executivo estatal con Stellantis, que Tavares constata na súa entrevista, afeou a “enorme cacicada” na que, ao seu modo de ver, incorre o Executivo cando se anuncia a primeira fábrica de baterías.

E engadiu que o sector da automoción está “nunha situación crítica” (aludiu á crise dos semiconductores), polo que non se debería “xogar con el”. “É determinante para a maioría de comunidades, para Galicia sen dúbida. Se cae a automoción, Galicia tería un problema económico de primeiro nivel”, avisou.

Feijóo, quen remarcou que a Xunta xa manifestou a súa preocupación na liña explicitada por Tavares, puxo en dúbida que se poidan cumprir os prazos, con que nivel de “contaminación” farase e se os custos para adquirir vehículos coa nova tecnoloxía serán aceptables para os consumidores.

ENCE

Sobre o escrito de Costas onde o departamento estatal lembra á Xunta que a concesión de Ence en Pontevedra está anulada pola xustiza, o presidente replicou que neste caso “chove sobre mollado”, e afeou que o Goberno “non defendese” a continuidade da concesión.

Feijóo interpretou que en 2016, co popular Mariano Rajoy na Moncloa, houbo “unha concesión outorgada por un Goberno co informe da Avogacía do Estado”. Pero esgrimiu que, unha vez cambia a cor do Executivo central, xa con Pedro Sánchez á fronte, déronse “instrucións” para non defender esa concesión na xustiza.

“É moi fácil perder un preito que non se defende”, esgrimiu e asegurou que a Xunta considera que, se se defendeu, podería “proseguir”. “Veremos o que di o Supremo”, apostilou.

Máis aló, reafirmouse en que “non” lle gusta o emprazamento de Ence na Ría de Pontevedra, como trasladou noutras ocasións, pero tamén rexeitou “andar pechando fábricas” sen ter “outro emprazamento e incentivos” para impulsar a activación da factoría noutra localización. “Imos desenchufar a industria que temos?”, preguntouse, para concluír que “iso é un disparate económico, industrial e forestal importante”.

FÁBRICA DE PNEUMÁTICOS: “IMOS POLA BOA DIRECCIÓN, OXALÁ SE CONFIRME”

Por outra banda, Feijóo pronunciouse en relación á posible instalación dunha fábrica de pneumáticos na localidade das Pontes, afectada o peche da central térmica. O proxecto, segundo transcendeu, promóveo a empresa chinesa Sentury Tire e suporía, segundo as estimacións que deron, uns 500 millóns de euros de investimento e a creación duns 750 postos de traballo.

“Levamos un ano falando de construír unha fábrica de pneumáticos nas Pontes. Trasladáronnos os requirimentos técnicos e nós as necesidades ambientais“, explicou, antes de incidir que a Xunta mantivo a confidencialidade sobre este proxecto.

“Só podo dicir que imos seguir traballando con rigor nese e ouros proxectos. Non podemos confirmar se é unha decisión definitiva ou non, pero parece que algo se move na boa dirección“, aseverou, antes de engadir que se trata de “un proxecto moi ambicioso” e de esgrimir que Galicia pasou “a primeira criba” porque había “distintas opcións en Europa”. “Oxalá se confirme”, resolveu.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...