InicioSociedadeAutorizan unha nai a vacinar a súa filla contra a covid a...

Autorizan unha nai a vacinar a súa filla contra a covid a pesar da oposición do pai

Esta foi a resolución dun xulgado de Vigo onde se recolle que a menor, que convive en Vigo coa súa nai, foi escoitada e trasladou o seu desexo de ser vacinada.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O xulgado de Primeira Instancia 12 de Vigo ditou auto no que faculta a unha nai para tomar a decisión de vacinar á súa filla menor contra a Covid-19, a pesar da oposición do pai. Na resolución, a maxistrada expón que a nena recibiu a cita do Sergas para vacinarse o pasado 23 de agosto, pero non acudiu ao non ter consentimento do pai para recibir dita vacina. O proxenitor xustificou a súa negativa polo temor aos riscos que esa vacina poida ter para a saúde da súa filla.

Debido a que ambos os proxenitores exercen a patria potestade conxunta, a nai (que si quere vacinar á nena) instou un procedemento de xurisdición voluntaria para que o xulgado se pronunciase. Así, a xuíza ditou un auto no que sinala que a menor, que convive en Vigo coa súa nai, foi escoitada e trasladou o seu desexo de ser vacinada, xa que “a maioría dos seus compañeiros de clase xa foron vacinados e ela tamén quere recibir a vacina para sentirse máis protexida fronte á enfermidade”.

Segundo sinala a maxistrada, a vacina antiCovid foi aprobada pola Axencia Europea do Medicamento e pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, e “os beneficios da súa administración” superan “os riscos derivados constatados ata o momento”. “O certo é que no momento actual o eventual risco para a saúde da menor é moi inferior ao risco certo que puidese derivarse da súa non vacinación no caso de que a menor chegase a contraer a enfermidade”, expuxo a xuíza.

Por outra banda, remitiuse aos informes tanto da pediatra da nena como da forense, que corroboraron que a menor ten todas as vacinas contempladas no calendario ordinario, e que é unha nena sa, que non padece ningunha alerxia ou enfermidade que puidese contraindicar a vacina contra a Covid. En conclusión, ante o desacordo entre os proxenitores sobre esta cuestión, o auto sinala que procede atribuír á nai a facultade para decidir que se administre a vacina á súa filla. Contra este auto cabe recurso de apelación.

ÚLTIMAS

Caballero acusa a Rueda e o PPdeG de deixar a Vigo sen Facultade de Medicina: “É unha pésima noticia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou este venres como unha "noticia pésima"...

A Xunta e o Porto de Vigo dan por finalizada a limpeza da vertedura de aceite de palma na ría

Tras unha semana de traballos de retirada e contención, a Xunta e o Porto...

O alto tribunal galego mantén a condena a un home por abusar dunha muller mentres durmía

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación dun home condenado...

Localizan tres polisóns, dous menores, ocultos nun camión que ía embarcar cara ao Reino Unido

Axentes da Policía Nacional, da Garda Civil e da Policía Portuaria de Vigo localizaron...