O músico e político José Manuel Pérez Afonso vén de ser protagonista dunha multa que se está facendo viral nas redes sociais debido á súa “incongruencia” e “falta de sentido”. Segundo denuncia a través dunha publicación de Facebook, a Policía Local de Vigo retiroulle o vehículo da zona de carga e descarga onde o tiña aparcado, se ben estaba en horario permitido, fóra das 8.00 horas e ata as 20.00 horas – franxa na que si está prohibido estacionar -.
Con retranca, o militante de Podemos e que foi membro da coordinadora de Lugonovo, asegura na súa mensaxe que entende “que hai que recadar para pagar as luces de Nadal, señor Abel Caballero, pero levarme o coche ás 03:21 dunha zona de carga e descarga…”. “Por riba, nin aviso nin nada”, prosegue na súa denuncia. Pérez Afonso, xa canda a Policía Local logo de coller un taxi, asegura que as persoas que o atenderon non lle quixeron dar explicacións: “Estaba mal aparcado, a nós chamáronnos e fomos”, indica que lle comentaron os axentes.
Finalmente, e logo de falar con diferentes persoas, o Policía quixo saír do paso dicíndolle que alí aparcado, “o coche molestaba ao camión do lixo”. “Eu recollo a denuncia e descúlpome. ‘Non se preocupe, recurrirei e gañareina’. A chantaxe institucional está moi fea, dixenlle antes de meterme no coche e marchar traballar”, remata por explicar o denunciado. “Señor Abel Caballero, págueme o taxi”, zanxa.