InicioSociedadeO PP denuncia o "secuestro" dos plenos por parte do goberno de...

O PP denuncia o “secuestro” dos plenos por parte do goberno de Abel Caballero e a súa falta de contido

Censuran que o pleno se convertiu nun "órgano ditatorial" para o "lucimento" do alcalde.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo lamentou que as sesións plenarias no consistorio están “secuestradas” polo goberno de Abel Caballero e “perderon a súa utilidade”, converténdose nun órgano “ditatorial” que o rexedor, case sempre “ausente”, concibe como un escenario de “lucimento” dos seus concelleiros, expresando as súas “frustracións” mediante mocións “baleiras de contido”.

Así o trasladou en rolda de prensa o portavoz do grupo, Alfonso Marnotes, quen lembrou que un pleno debe ser “un órgano colexiado de máxima representación, deliberante, de control e fiscalización dos órganos executivos e decisorio nos asuntos de maior transcendencia do Concello.

Con todo, en Vigo “esta definición quedou desterrada e deuse paso a un órgano ditatorial no que un alcalde, ausente, decide que o pleno é un órgano de lucimento dos seus concelleiros e no que poden expresar as súas frustracións mediante mocións baleiras de contido que atacan directamente á administración autonómica, e nas que non se resolve absolutamente ningún problema cidadán”.

Ademais, lamentou que o pleno “perdeu a capacidade de órgano fiscalizador e convertéronse nun faladoiro político”, á vez que lembrou que, a pesar da flexibilización das medidas antiCovid, as sesións séguense celebrando a porta pechada, sen público, e con gran parte dos corporativos participando de forma telemática. A iso súmase o feito de que os plenos en Vigo non se poden seguir en directo por parte dos cidadáns a través da web municipal ou dalgunha outra plataforma.

Marnotes tamén denunciou que a oposición vexa reducida a súa capacidade de fiscalización, ao ter dereito a menos mocións (as iniciativas son proporcionais ao número de concelleiros), mentres que o grupo de goberno acapara o debate presentando o máximo de mocións “e todas en contra da Xunta”. “E é tal a súa obsesión, que se quedaron sen ideas, e levan meses repetindo as mesmas mocións”, apuntou.

Pola súa banda, o concelleiro ‘popular’ Jesús Marco explicou que o seu grupo presentou, en plenos e comisións, un total de 786 preguntas e rogos que o goberno municipal non contestou, a pesar de que se trata de demandas trasladadas “polos propios cidadáns”.

Por outra banda, das 200 mocións presentadas polo grupo do PSOE, 190 foron para criticar ou denunciar á Xunta, e moitas delas repetidas. “Só sobre a ampliación e funcionamento do Ifevi houbo 7 no último ano”, sinalou.

Mentres, Teresa Egerique puxo de relevo a diferenza entre os plenos que se celebran no Concello e os que se celebran no Parlamento de Galicia, onde o presidente da Xunta “comparece cada 15 días e contesta as preguntas da oposición”, do mesmo xeito que fan os conselleiros e outros membros do goberno autonómico. “En Vigo non (…) Abel Caballero, que é o presidente do Pleno, non está. Levántase e vaise. O presidente dos alcaldes de España non preside o seu propio pleno“, engadiu.

ÚLTIMAS

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...

Detido un home en Vigo por saltar unha orde de afastamento dunha muller coa que foi sorprendido discutindo na rúa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 44 anos de...