InicioEconomíaCaballero acusa a Xunta de "roubar" a Vigo o Ifevi

Caballero acusa a Xunta de “roubar” a Vigo o Ifevi

A Xunta terá agora maioría no Padroado tras unha modificación dos estatutos para axustarse á lei.

PUBLICADO O

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, criticou este mércores duramente o cambio de estatutos do Ifevi, aprobado nas últimas horas polo padroado, e que supón, segundo denunciou, que o Goberno galego “lle roubou” á cidade a xestión do seu recinto feiral, e todo iso en base a unha lei, a de acompañamento aos orzamentos de 2021, aprobada “co único obxectivo” de facerse co “control” do Ifevi.

Caballero tachou de “gravísimo” ese cambio de estatutos e lembrou que, ata agora, os membros do padroado tiñan cada un un voto (un pola Xunta, outro pola Cámara de Comercio, outro pola Confederación de Empresarios, outro pola Deputación de Pontevedra, outro polo Concello e outro pola mancomunidade de Vigo). “Xestionábase desde o acordo, era un bo sistema, nunca houbo ningún problema de xestión”, proclamou.

Coa modificación, o sistema de voto será ponderado en función da achega económica de cada entidade, de maneira que haberá 13 representantes, dos que 7 serán da Xunta. “Que facemos os restantes, se a Xunta xa manda, xa decide? Que facemos, avalar as barbaridades que faga no Ifevi? Porque pode facelas”, advertiu Caballero, e constatou: “Acábannos de quitar o Ifevi”.

Segundo o alcalde, o PP aprobou a lei de acompañamento aos orzamentos “ás agachadas, sen luz nin taquígrafos”, e “co único obxectivo de quitarlle a xestión do Ifevi a Vigo”. “Fíxose unha lei para o Ifevi, esta lei é só para Vigo”, insistiu, en referencia á norma (que introduce modificacións fiscais, administrativas e lexislativas relativas a numerosas cuestións de ámbito autonómico, como tributos, emprego público, medio ambiente e territorio, mobilidade, infraestruturas, etc.).

Por outra banda, Abel Caballero recalcou que é “mentira” que a Xunta achegue diñeiro ao Ifevi, xa que o recinto “se autofinancia”, agás para actuacións como as ampliacións de superficie e subliñou que o instituto feiral “funcionaba controlado desde Vigo”, pero o goberno de Feijóo “quería o mando total”. “Acábannos de roubar o Ifevi e van xestionalo desde Santiago (…), o afán de control de Feijóo contra esta cidade é total”, denunciou.

Finalmente, aínda que non fixo referencia directa á disposición da Xunta para que a Zona Franca se incorpore ao padroado (unha medida que o alcalde leva anos reclamando), Caballero matizou que Zona Franca estaba disposta a entrar e pagar a ampliación do recinto “se fose de Vigo”, pero agora, “se é da Xunta, para que vai pagar Zona Franca? Mentres eu sexa o seu presidente non”.

RESPOSTA DA XUNTA

En resposta ás críticas de Caballero, a Xunta aclarou que o padroado “o que fixo é cumprir a lei” para adaptar os estatutos. “Se quere romper o consenso, que explique por que”, sinalou a delegada territorial do goberno galego, Marta Fernández-Tapias.

Respecto diso, explicou que outros padroados de recintos feirais xa levaron a cabo esa modificación e que mesmo a Deputación de Pontevedra (que se opuxo ao cambio no Ifevi) votou favorablemente nos recintos de Silleda e A Estrada.

Ademais, aclarou que este cambio “non responde a ningún intento de control por parte de ninguén, isto é unha ridiculez, senón que é de sentido común, facendo que a porcentaxe de votos de cada patrón sexa equivalente á súa achega económica”. Neste caso, engadiu, a achega da Xunta é dun 89 por cento.

De feito, no seu día o goberno local de Vigo promoveu unha modificación dos estatutos do museo municipal MARCO, precisamente para incrementar o peso do Concello nos procesos de decisión, dado que, segundo argumentou o alcalde, era a administración que máis achega económica facía.

Finalmente, Fernández-Tapias explicou que “esta modificación non altera o espírito co que a Xunta actúa no Ifevi, buscando sempre o consenso”, e pediu que Concello, Deputación e Mancomunidade, o tres institucións que rexeitan o cambio, volvan á senda dese consenso.

ÚLTIMAS

O TSXG anula o calendario laboral de 2023 do persoal de Ilunion en Stellantis, Benteler e Lear

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) anulou o calendario laboral de 2023 do persoal...

Terremoto de magnitude 1,8 en Vilaboa

O Instituto Xeográfico Nacional (IGN) rexistrou un terremoto de magnitude 1,8 con epicentro na localidade pontevedresa de...

Sindicato de Inquilinas Vigo urxe vivenda pública e regular prezos ante a “alarmante realidade” dos desafiuzamentos

O Sindicato de Inquilina Vigo-Baixo Miño urxiu este venres a regulación dos prezos de aluguer...

Unha sentenza recoñece un exceso de horas traballadas dos bombeiros de Vigo e obriga ao Concello a compensalas

Unha sentenza firme do xulgado do contencioso administrativo número 1 de Vigo obriga ao Concello...