InicioSociedadeO Parlamento galego pide o Princesa de Asturias da Concordia para o...

O Parlamento galego pide o Princesa de Asturias da Concordia para o policía vigués creador de Discamino

Apoia a candidatura do sarxento Javier Pitillas polo seu proxecto para axudar a persoas con discapacidade a realizar o Camiño de Santiago.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Parlamento de Galicia mostrou o seu apoio á candidatura do sarxento da Policía Local de Vigo Javier Pitillas ao Premio Princesa de Asturias da Concordia como recoñecemento á súa traxectoria, na que destaca a creación de Discamino, un proxecto nado en 2009 para axudar a persoas con discapacidade a realizar o Camiño de Santiago.

A través dunha declaración institucional, os tres grupos políticos con presenza no Pazo do Hórreo expresaron o seu apoio a que Pitillas reciba o galardón que outorga a Fundación Princesa de Asturias na categoría da Concordia, creada no ano 1986 para recoñecer a persoas e entidades polas súas accións no ámbito dos dereitos humanos, a paz ou a solidariedade.

As formacións políticas galegas consideran que este premio sería “un merecido recoñecemento” para unha persoa que durante a súa traxectoria demostrou “un profundo amor, humildade e xenerosidade” ao lograr que “centos de persoas con especiais dificultades” poidan ser felices a través do deporte e o Camiño.

“Esta distinción significaría un recoñecemento, non só á persoa, senón tamén a unha iniciativa que constitúe un referente dos valores que conforman a concordia”, sinala a declaración institucional en apoio de Javier Pitillas, de quen destacan a “prolífica carreira deportiva” no mundo do atletismo, tanto a nivel competitivo como formativo.

Nado en Vigo no ano 1962, este sarxento da Policía Local de Vigo comezou en 1996 a compatibilizar a súa carreira profesional coa súa faceta de adestrador de atletismo para usuarios do ONCE.

Trece anos despois, en 2009, Javier Pitillas fundou Discamino, proxecto que lle reportou premios como as Medallas Castelao do Goberno galego no ano 2014 ou a Condecoración da Orde do Mérito Civil por Felipe VI no ano 2015.

Para os grupos da Cámara, a iniciativa de Pitillas supón “unha vía de integración e superación persoal” que contribúe a “axudar, visibilizar e difundir” a cultura do deporte e do esforzo, así como a profundar no recoñecemento da valía de todas as persoas “con independencia das súas capacidades”.

Todo iso co Camiño de Santiago como fío condutor, aínda que as expedicións organizadas tamén inclúen unha Volta Ciclista a España, a Transpirenaica ou unha ruta polos Alpes; experiencias que, ao longo do once anos de vida de Discamino, 115 persoas con dispacidade puideron vivir grazas a un equipo que suma xa 90 voluntarios.

ÚLTIMAS

A acampada pola vivenda de Vigo retirará as tendas a partir do 15 de novembro

A Acampada pola vivenda de Vigo, asentada desde o 12 de outubro na Alameda,...

O lume de Camos, entre as queimas autorizadas e o conflito dos bombeiros forestais

O incendio forestal declarado o xoves na parroquia de Camos, en Nigrán, comezou cunha...

Abel Caballero inaugura a conta atrás ata o 25 de decembro: “O Nadal de todo o planeta é a de Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este sábado un reloxo dixital cunha conta...

“Menos luces e máis vivendas”: máis de 200 persoas saen á rúa en Vigo contra os prezos da vivenda

Máis de 200 persoas saíron este venres ás rúas de Vigo para reclamar o...