InicioSociedadeDetido en Vigo por agredir a súa parella en presenza da súa...

Detido en Vigo por agredir a súa parella en presenza da súa filla de 4 anos

Testemuñas informaron de que este tipo de situacións eran habituais na vivenda. 

PUBLICADO O

- Advertisement -

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un veciño da cidade, E.J.V., de 39 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras agredir á súa parella, en presenza da filla de ambos, de 4 anos de idade.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde do pasado sábado, cando o 092 recibiu un aviso por un posible episodio de malos tratos nunha vivenda da rúa Pardal. As testemuñas informaron tamén de que este tipo de situacións eran habituais nesa vivenda. Cando os axentes se desprazaron ao domicilio, abriulles a porta o suposto agresor, que recoñeceu que discutira coa súa muller e lle deu “uns bofetóns”.

A vítima manifestou, entre saloucos, que, durante unha discusión, o seu marido a suxeitara polos ombreiros e a zarandeara violentamente, á vez que a insultaba. Así mesmo, explicou que sucedera en presenza da súa filla de 4 anos, que acabara “chorando e nerviosa” ao ver o estado da súa nai. Por todo iso, os axentes da Policía Local procederon á detención do home, como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

DETIDO POR AGRESIÓN Á SÚA NAI

Doutra banda, os axentes da Policía Local de Vigo detiveron a unha veciña da cidade, de 39 anos de idade, R.K.A.Q., como presunta autora dun delito de malos tratos familiares, tras agredir á súa nai porque esta se negou a darlle diñeiro. Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar na tarde do pasado venres, cando o 092 recibiu unha chamada informando dunha posible agresión nun domicilio da rúa Serafín Avendaño.

Ao chegar ao lugar, os axentes atopáronse na escaleira do edificio a unha muller de 72 anos, que relatou que a súa filla se presentou no domicilio esixíndolle diñeiro. Ela deulle 10 euros pero a filla pediulle máis.

Ante a negativa da septuaxenaria, a presunta agresora emprendeuna a puñadas e golpes na cabeza coa súa nai, que tentou saír da vivenda para pedir auxilio aos veciños. Nai e filla forcexearon e, finalmente, a segunda logrou arrincarlle do pescozo un cordón e un medallón de ouro valorados nuns 2.000 euros.

Os axentes tamén se entrevistaron coa filla, que se xustificou alegando que se puxo “nerviosa” ante a negativa da súa nai a darlle diñeiro. Finalmente, a muller foi detida, e os policías devolveron á nai o colgante.

ÚLTIMAS

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...

A Xunta e Vicus Gallaecia analizan os retos da mobilidade e urxen un calendario para o AVE Vigo-Porto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns nun encontro...