InicioSociedadeAsí vivía o líder das 5 Jotas en Portugal

Así vivía o líder das 5 Jotas en Portugal

O dono de Las 5 Jotas contou cunha rede de vínculos persoais, profesionais e familiares que colaborou na súa ocultación, segundo a Policía Nacional.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O dono de Las 5 Jotas, José Manuel Costas, detido a pasada fin de semana en Portugal despois de dous anos fuxido da xustiza tras ser condenado a 6 anos de prisión, contou con “medios económicos folgados” e unha rede de vínculos persoais, profesionais e familiares que colaborou na súa ocultación, segundo concluíu a Policía Nacional, que este martes informou dos detalles da súa detención.

A Policía precisou que o empresario vigués foi localizado “grazas á colaboración cidadá” e á rede de colaboración policial ENFAST, cuxa fin é lograr unha maior eficacia no rastrexo e detención de importantes criminais buscados a nivel internacional.

De feito, a fotografía de Costas foi incluída, en decembro de 2016, na páxina EU Most Wanted Fugitives de Europol, onde se cualificaba a este vigués como un dos fuxitivos máis buscados de Europa, e responsable dunha trama que defraudou máis de 11 millóns de euros á Axencia Tributaria en España.

O dono de Las 5 Jotas, sobre o que pesaban 19 ordes de busca (unha delas internacional), foi localizado e detido a pasada fin de semana nun restaurante da localidade portuguesa de Belinho-Esposende.

Desde o momento da súa fuga, en xullo de 2016, abordáronse diferentes liñas de investigación para dar co seu paradoiro e, grazas á colaboración cidadá, a Policía puido constatar que se atopaba en Portugal. Así, solicitaron a colaboración das autoridades policiais lusas para arrestalo.

Segundo apuntou a Policía, a localización do fuxitivo complicouse porque contaba con “medios económicos folgados” e unha rede de vínculos persoais, familiares e profesionais, que colaboraban na súa ocultación, ademais de ser “un individuo moi hábil para eludir a acción policial”.

ORDES DE DETENCIÓN

Por outra banda, varios xulgados de Vigo e doutras localidades preparan senllas ordes internacionais de detención por cada unha das causas abertas contra o empresario vigués.

Estas requisitorias, que até agora eran ordes de procura de ámbito nacional, sumaranse á orde de procura e captura internacional que emitiu no seu momento o Xulgado do Penal número 3 de Vigo, que foi “o primeiro xulgado que tiña unha executoria contra el”.

Así o confirmaron este luns fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que indicaron que entre a executoria e os procedementos abreviados, en xulgados de Vigo hai abertos uns 16 casos en contra de Costas.

Segundo explicaron estas mesmas fontes, por mor da detención do empresario o pasado venres en Portugal pola orde do Penal número 3, os maxistrados dos demais xulgados consultaron a situación e decidiron que “o máis conveniente” é emitir as ordes internacionais. Estas requisitorias serán remitidas a Portugal, para que un xulgado luso decida sobre a súa extradición.

No caso de que o xulgado portugués autorice a súa extradición para que volva a Galicia, o xulgado vigués que se ocupa da súa causa terá que pronunciarse, aínda que previsiblemente debe ingresar en prisión, tendo en conta que estaba condenado por unha fraude millonaria.

ÚLTIMAS

Carmen García Mateo abre a campaña ao Reitorado da UVigo reivindicando “seriedade” fronte á improvisación

A candidata a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, abriu este...

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a...

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento...