Os usuarios de residencias de maiores de Galicia con Covid-19 aumentaron a 454 tras detectarse 22 positivos na Ballesol Vigo, mentres que se rexistraron seis altas na dos Gozos do Pereiro de Aguiar (Ourense).
Así o constatan os datos actualizados este luns polas Consellerías de Sanidade e Política Social, que reflicten un incremento de 13 contaxios entre usuarios, tras os 22 positivos detectados en Vigo, tres falecementos relacionados con residencias notificadas este domingo e as seis altas dos Gozos.
Deste xeito, as residencias de maiores con máis casos de coronavirus entre os seus residentes son a Nosa Señora dos Miragres de Barbadás (Ourense), con 77; a DomusVi Ribadumia, con 74; a de Salvaterra do Miño, con 68; a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 42; a Residencia San Cibrao de Cervo (Lugo), con 35; e a Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, con 32.
TRABALLADORES
En canto aos traballadores contaxiados descenden nun ata os 258 tras detectarse dous positivos na residencia de maiores Ballesol Oleiros e tres altas –unha nese mesmo centro e dous na DomusVi Ferrol–.
Deste xeito as residencias de maiores con máis empregados contaxiados son a Residencia Nosa Señora dos Miragres de Barbadás, con 37; a DomusvI Ribadumia, con 28; a Residencia de Salvaterra do Miño, con 27; e a Nosa Señora das Virtudes de Pontedeume, con 19.
DISCAPACIDADE
Pola súa banda, nos centros de atención a persoas con discapacidade rexistráronse dous positivos entre usuarios da residencia de discapacidade San Vicente Paúl de Lugo que elevan a 39 os contaxiados, deles 15 nese centro lucense; 23 na DomusVi Bóveda e un no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade da Coruña.
En canto aos traballadores destes centros rexistrouse un alta na residencia de discapacidade DomusVi Bóveda, polo que baixan de 24 a 23 os empregados con Covid.