InicioPolíticaO TSXG revoga a sentenza que anulaba o empadroamento para obter a...

O TSXG revoga a sentenza que anulaba o empadroamento para obter a PassVigo

O Concello recorrera esa sentenza, e agora o alto tribunal galego deulle a razón, ao considerar que o recurso de Redondela tívose que haber inadmitido xa en primeira instancia, porque o requisito do empadroamento acordouse nun acto administrativo que non foi recorrido en tempo e forma.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou o recurso presentado polo Concello de Vigo contra a sentenza do xulgado do Contencioso-Administrativo 1 da cidade, na que se declaraba contrario a dereito o requisito do empadroamento para obter un cartón PassVigo e beneficiarse de bonificacións no transporte urbano da cidade olívica.

O Concello de Redondela interpuxo un recurso despois de que o goberno de Vigo determinase que, para obter o novo cartón PassVigo (que substituíu ao ‘cartón verde’ de bonificación do transporte no bus urbano), era requisito imprescindible estar empadroado na cidade.

O xulgado do Contencioso-Administrativo 1 de Vigo declarou que esa condición era contraria a dereito, en base a unha norma autonómica que establece que os bonos no transporte non poden discriminar entre os usuarios en función do seu lugar de residencia.

O Concello recorreu esa sentenza, e agora o alto tribunal galego deulle a razón, ao considerar que o recurso de Redondela tívose que haber inadmitido xa en primeira instancia, porque o requisito do empadroamento acordouse nun acto administrativo que non foi recorrido en tempo e forma.

RECURSO DO CONCELLO DE MOS

Por outra banda, o TSXG tamén se pronunciou sobre o recurso interposto polo Concello de Mos, neste caso contra unha sentenza que daba a razón ao consistorio vigués na aplicación das tarifas bonificadas segundo o empadroamento.

Así, o xulgado do Contencioso Administrativo 2 de Vigo desestimou o recurso interposto polo Concello de Mos contra ese requisito do empadroamento, ao considerar que era “extemporáneo”, carecía de “legitimación activa” e impugnaba un acto “firme e consentido”.

O Concello de Mos recorreu esa decisión e o TSXG rexeitou o seu recurso, validando a resolución de primeira instancia, aínda que só no relativo á falta de legitimación activa. Segundo expón na súa sentenza, o ente local mosense carece de competencias “para defender os intereses dos seus veciños nas súas relacións persoais“, pois a lei “tan só faculta ao municipio para xestionar os seus propios intereses, para o que pode promover actividades e prestar servizos públicos que satisfagan á comunidade veciñal, o que non é o caso de exercitar accións en defensa dalgún grupo de veciños”.

SISTEMA “DISCRIMINATORIO”

No entanto, a pesar de desestimar o recurso, a sala entra no fondo do asunto, e expresa o seu desacordo con algunhas das conclusións da sentenza apelada. Concretamente, e en contra do considerado polo Contencioso Administrativo 2 de Vigo, entende que o sistema de tarifas bonificadas si é discriminatorio cos usuarios non empadroados en Vigo.

Así, os maxistrados sinalan que, de acordo coas leis de transporte vixente, os usuarios non deben abonar diferentes tarifas en función do lugar no que estean empadroados e abundan en que, aínda prescindindo desas leis, tampouco hai “xustificación algunha para outorgar un beneficio singular” aos residentes en Vigo, co argumento de que son os que achegan recursos á facenda municipal.

A ese respecto, o TSXG lembrou que “calquera persoa física ou xurídica” pode contribuír ás arcas viguesas cando realiza un feito impoñible. “Todos os que usan servizos públicos municipais,os que utilizan o dominio público, os propietarios de vehículos rexistrados na xefatura provincial de Tráfico, os que posúen bens inmobles, os que os venden, os que os constrúen ou os que os ven supravalorados coas obras municipais realizadas, por exemplo, contribúen á facenda municipal, con independencia de onde se atopen empadroados”, subliñou o alto tribunal.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...