InicioSociedadeFeijóo sinala que as obras da Cidade da Xustiza de Vigo acabarán...

Feijóo sinala que as obras da Cidade da Xustiza de Vigo acabarán no primeiro trimestre de 2021

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, advertiu de que as novas dotacións xudiciais estarán "incompletas" se non se culmina o proxecto do Concello de instalar ramplas na Gran Vía, entre Urzáiz e Praza de España.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este mércores o avance das obras da nova Cidade da Xustiza de Vigo, cuxo grao de execución está ao 75 por cento, e confirmou que a previsión é terminar os traballos no primeiro trimestre de 2021, para abordar daquela o equipamento e o traslado dos xulgados que, actualmente, están na rúa Lalín.

Así o manifestou durante a súa intervención tras unha visita ao edificio, no antigo Hospital Xeral da cidade, e na que estivo acompañado polo vicepresidente primeiro do goberno galego, Alfonso Rueda, polo fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, e polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez e Díaz-Castroverde.

Núñez Feijóo subliñou que esta obra, “a máis importante infraestrutura xudicial que se fixo en Galicia”, supón un “proxecto estrela” da Xunta en Vigo, e fará que o edificio, que xa forma parte da historia da cidade, “deixe pegada” en Vigo.

Segundo lembrou, as novas instalacións duplicarán a actual superficie dos edificios da rúa Lalín e poderán acoller unidades máis. Así mesmo, lembrou que o complexo contará con aparcadoiro, unha escola infantil con 40 prazas e unha gran praza.

OBRA PÚBLICA

Núñez Feijóo apuntou que o goberno galego apostou por esta infraestrutura en plena crise económica e que, durante a pandemia, unha vez que se levantaron as restricións do estado de alarma, renováronse estes traballos e o resto de obra pública.

A ese respecto, e tras insistir en que a Xunta é “a administración que máis inviste en Vigo”, lembrou que, na actualidade, o goberno galego ten en marcha proxectos na cidade como a reforma do hospital Meixoeiro, a construción da estación intermodal de bus, a construción dun albergue de peregrinos en O Berbés, ou a construción do centro de saúde de Bouzas; e mantén o seu compromiso de ampliar o Ifevi en canto dispoña dos terreos.

Finalmente, fixo referencia á reactivación da actividade xudicial e ao reforzo de case 100 efectivos nos xulgados do Social e do Mercantil; á creación de “xulgados bis” nesas xurisdicións; e á previsión de dotar de persoal e equipamentos aos novos xulgados do Social de Lugo, Vigo e A Coruña.

CRÍTICAS DO ALCALDE DE VIGO

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, advertiu de que as novas dotacións xudiciais estarán “incompletas” se non se culmina o proxecto do Concello de instalar ramplas na Gran Vía, entre Urzáiz e Praza de España.

Así, o rexedor olívico, que criticou que non o convidaran á visita realizada este mércores ás obras, afirmou que “o deseño global” do complexo xudicial incluía as ramplas mecánicas da Gran Vía e o feito de que non se poidan instalar en toda a rúa (algúns tramos están bloqueados por informes negativos de Patrimonio da Xunta) provocará “un problema moi serio” porque “faltarán os accesos”.

Caballero insistiu en que parte das ramplas de Gran Vía están “paralizadas” por decisión “política” de Feijóo, que actuou levado pola “tirria” e a “animadversión” á cidade.

Por outra banda, o alcalde expresou a súa satisfacción pola reforma do Hospital Xeral, na que o Concello “cooperou en todo o que se lle pediu”, e advertiu de que a actuación debe incluír o acondicionamento das rúas adxacentes. A ese respecto, ofreceu á Xunta asinar un convenio de cooperación para abordar a mellora de todo a contorna, financiando os traballos ao 50 por cento entre ambas as administracións.

ÚLTIMAS

Absolto o acusado de violar a unha moza durmida pola falta de consistencia da versión da denunciante

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ditou sentenza na que...

A xuíza acorda o arquivo da causa contra o detido na rúa Mestre Montes por agredir supostamente á súa nai cun garfio

A xuíza de instrución 2 de Vigo acordou o sobresemento e arquivo das actuacións...

Detidos dous homes na rúa Cánovas del Castillo por supostos roubos con forza no interior de 15 coches estacionados

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous homes como presuntos autores de...

Detido na rúa Uruguai tras lesionar a unha viandante, á que golpeou cunha lata de cervexa, causándolle un corte na tempa

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home de 45 anos de idade, J.K.V.,...