InicioMedio Ambiente e PatrimonioClausura do ISMS: "Non sei como as Cíes aínda non son Patrimonio...

Clausura do ISMS: “Non sei como as Cíes aínda non son Patrimonio da Humanidade”

PUBLICADO O

- Advertisement -

“O noso empeño por conseguir que as Illas Cíes teñan a catalogación de Patrimonio da Humanidade vén motivado porque queremos que dentro de 2.000 anos o arquipélago estea nun estado de conservación incluso mellor que o que ten hoxe en día”. Así deu comezo o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a inauguración do workshop Patrimonio Cíes que se celebrou este venres 22 no Auditorio Mar de Vigo ao acubillo do VI International Symposium on Marine Sciences.

O obxectivo deste congreso é sumar ao apoio da cidadanía á candidatura “o respaldo da investigación científica para conseguir a denominación”. “O apoio social é imprescindible, pero necesitamos tamén a ciencia, porque esa é a característica máis distintiva da nosa candidatura”, sinalou o alcalde.

Xunto a Caballero, e dando “garantía desa candidatura” estiveron presentes na mesa inaugural Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Emilio Fernández, coordinador do Comité Científico da Candidatura Illas Cíes UNESCO; María Dolores Garza, coordinadora do Comité Socioeconómico da candidatura; Yolanda Aguiar, directora da candidatura; e Gloria Álcarez, membro do equipo técnico de Illas Cíes UNESCO.

ISMS / Miguel Núñez

O Concello de Vigo leva anos traballando nunha candidatura que inclúa o proceso científico, ademais do coñecemento da sociedade, coa organización de actividades como ioga nas Cíes, a posta en marcha do festival ‘O Canto das Illas’, a presenza en medios de transporte ou a edición de libros fotográficos para “divulgar e transmitir a todas aquelas persoas que nunca foron ás illas Cíes o que realmente significan”.

A celebración do workshop Patrimonio Cíes ao abeiro do VI ISMS, no que participan máis de 500 investigadoras e investigadores de 14 países, é un paso máis na procura dese respaldo científico e de que Vigo se converta no epicentro mundial da investigación mariña.

ISMS / Miguel Núñez

A conferencia inaugural do workshop correu a cargo de Jorge Cortés, investigador da Universidade de Costa Rica e promotor da candidatura da Isla do Coco como Patrimonio Natural da Humanidade, catalogación que conseguiu en 1997.

Durante a súa charla, o científico salientou a importancia que ten que calquera paraxe obteña esta denominación, e fixo unha comparación entre esta illa costarriqueña e as illas Cíes. “Non sei como o arquipélago aínda non é Patrimonio da Humanidade”, asegurou ao público asistente nada máis subir ao escenario.

Seis congresos

O VI International Symposium on Marine Sciences supón a cita máis importante para as ciencias mariñas en España, xa que por primeira vez aglutinou nun mesmo sitio e data a seis simposios de referencia internacional: ISMS, EOF, Siquimar, Redibal, ISC CDM e o workshop Patrimonio Cíes.

Promovido pola Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar de España e as universidades de Vigo, Valencia, Gran Canaria, Barcelona, Cádiz e Alacante, CSIC e Instituto Español de Oceanografía, o ISMS conta tamén nesta edición coa colaboración do Concello de Vigo e das empresas CIfga e Oceomic.

ISMS/ Miguel Núñez

Durante tres días Vigo converteuse en punto de encontro de persoas investigadoras, expertos, alumnado e profesionais do ámbito das ciencias de ata 74 cidades de países como España, Portugal, México, Colombia, Costa Rica, Arxentina, Chile, Perú, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Brasil, Italia e Tunisia.

Con 420 comunicacións e pósteres, o ISMS serviu de escaparate dos avances científicos que se están a conseguir en distintos eidos.

ÚLTIMAS

“Tiven que vivir na rúa dentro dun coche, co meu fillo menor de idade e dous gatos”, di unha estafada

Un estafador reincidente, condenado ata en tres ocasiones por casos similares, asegurou que descoñece...

Dúas persoas trasladadas ao hospital tras un incendio nunha vivenda en Samil

Dúas persoas tiveron que ser evacuadas este luns a un centro hospitalario por inhalación...

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a "opacidade" do goberno local de Abel Caballero sobre...

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira...