InicioCulturaO dicionario da RAG actualízase: novas tecnoloxías, "tripis" ou aporafobia, a aversión...

O dicionario da RAG actualízase: novas tecnoloxías, “tripis” ou aporafobia, a aversión aos pobres

PUBLICADO O

- Advertisement -

Ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade ou ciberdelincuencia, conectividade e xestor (dunha comunidade) son, xunto a aporofobia, corremundos, claqué ou microscopia, algunhas das novas entradas visibles desde este xoves no Dicionario da Real Academia Galega.

Estes termos e as correspondentes definicións foron sancionados polo Seminario de Lexicografía da institución, que entre xaneiro e a primeira quincena de xuño revisou ademais, por orde alfabética, preto de 2.200 voces desta ferramenta de referencia da lingua galega. Neste mesmo período, as novas entradas, as novas acepcións en termos xa recollidos no Dicionario e os cambios nas definicións foron preto de 350.

Cento sesenta e oito novas voces e actualizacións corresponden a termos matemáticos revisados coa colaboración de especialistas de distintos eidos, un traballo que foi presentado o pasado mes de marzo na Academia.

Entre as palabras que entraron no Dicionario durante o primeiro semestre de 2018, figuran outros termos presentes na lingua viva como rap, baremar ou tripi, na versión dixital do Dicionario desde o pasado mes de abril.

Desde o pasado xoves poden consultarse tamén blogosfera, conectividade, ciberataque, ciberacoso, ciberseguridade, ciberdelincuencia, ciberdelincuente e ciberdelito, de acordo co obxectivo de ir progresivamente acadando unha maior presenza no Dicionario do léxico relacionado coas tecnoloxías da información e a comunicación.

De igual xeito, nube engade a acepción referida ao espazo de almacenamento virtual e recóllese xestor de comunidade como voz propia para o anglicismo community manager.

Incorpóranse tamén rendibilizar (ata agora só se recollía o adxectivo rendible), colaborativo, corremundos, aparcacoches, e aporofobia (e aporofóbico, o seu adxectivo correspondente), neoloxismo creado pola catedrática de Ética e Filosofía Política Adela Cortina, nos anos 90, para designar o medo, rexeitamento ou aversión ás persoas pobres e desfavorecidas.

As novas entradas e cambios no Dicionario aprobados pola Real Academia Galega poden ter varias orixes. Os propios membros da institución achegan propostas decote, pero a RAG tamén permanece atenta ás que recibe de particulares e institucións, a través de distintas canles, desde o correo postal á lapela do Dicionario “Axúdanos a mellorar”, visible tras a definición de calquera termo, e mesmo as redes sociais.

Exemplo deste proceso de escoita son as melloras introducidas no léxico matemático ou no relativo á astronomía -que foron actualizados coa colaboración desinteresada de persoas expertas en ambas as disciplinas-, ou a entrada de aporofobia, palabra analizada e aprobada tras recibir unha solicitude neste sentido do Foro Socioeducativo Os Ninguéns.

As dúbidas expresadas polos usuarios e usuarias do Dicionario tamén son de utilidade para detectar palabras ou acepcións que deben ser incorporadas a unha ferramenta dixital que cada día recibe de media máis de 56.000 consultas, ás que hai que sumar as realizadas a través das aplicacións para dispositivos móbiles do Dicionario, que suman máis de 75.000 descargas.

É o caso, por exemplo, da segunda acepción de faldriqueira, incorporada o pasado mes de febreiro. Igual que, tradicionalmente, denominou o peto interior que levaban as mulleres dentro da saia, hoxe este termo recobra actualidade para nomear a versión modernizada deste complemento, a bolsa pequena unida a un cinto que se cingue á cintura e que se emprega para levar obxectos persoais de pequeno tamaño.

ÚLTIMAS

Vigo, epicentro dunha folga xeral con numerosas mobilizacións en toda Galicia

Os traballadores galegos están convocados este mércores 11 de novembro a secundar unha folga...

Disney+ desembarca no Nadal de Vigo cunha experiencia inmersiva gratuíta e “única”: así será a nova atracción do centro da cidade

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que Disney+ instalará na rúa Policarpo Sanz...

O PP de Vigo acusa a Caballero de “vetar” un aumento da partida de vivenda

A presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez, acusou o alcalde, Abel Caballero, de...

Acepta 10 meses de prisión por insultos racistas a unha menor nun bus de Vigo por dicir que “ía nunha patera”

Un home acusado dun delito contra os dereitos fundamentais e contra a integridade moral...