Home Deportes Galicia celebra no Museo Verbum de Vigo o noso deporte feminino

Galicia celebra no Museo Verbum de Vigo o noso deporte feminino

0
Galicia celebra no Museo Verbum de Vigo o noso deporte feminino

María Pérez Araújo, Marta Bobo, Melania Rodríguez ou Susana Rodríguez foron algunhas das protagonistas da VI Gala do Deporte Feminino Galego, que se celebrou este 21 de xuño en Vigo.

No transcurso deste evento, organizado pola Deputación Provincial de Pontevedra, procedeuse á entrega dos Premios do Deporte Feminino Galego correspondentes ao ano 2017, promovidos pola Asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudegá) co obxectivo de facer visibles os éxitos do deporte feminino.

Na cita, ás 20:00 horas no Museo Verbum de Vigo, estiveron Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, o concelleiro vigués Carlos López Font ou o alcalde de Pontevedra, Fernández Lores.

E mostraron os anfitrións o seu firme rexeitamento á liberdade provisional dos membros da “Manada”, decretada o mesmo día pola Audiencia de Navarra.

O 22 de maio reunírase o xurado (formado por representantes de federacións deportivas, do CGTD, xornalistas, deportistas, Deputación Provincial e a propia asociación Mudegá) para decidir os premios, “entre un nutrido grupo de candidaturas, cunha enorme calidade”, subliñan dende a Deputación.

Así, a xogadora de baloncesto María Araújo foi elixida como mellor deportista galega do 2017, destaca a Deputación,”nun ano máxico para ela non que fixo unha magnífica tempada co Universitario de Ferrol e ademais acadou con España o Campionato Europeo sub 20 e foi elixida membro do quinteto ideal e mellor xogadora do torneo (MVP)”.

Concerto ao comezo/ Miguel Núñez

Ademais, a ximnasta Melania Rodríguez, -campioa do mundo júnior de dobre minitramp- recibiu o galardón de mellor deportista promesa do ano; mentres que a “mítica” ximnasta de rítmica Marta Bobó foi premiada “pola súa espectacular traxectoria deportiva”.

Susana Rodríguez Gacio volve vencer na categoría de deportista con diversidade funcional, ao proclamarse subcampioa do Mundo de paratríatlon en Rotterdam e tamén no Europeo. O Atlético Guardés, primeiro club galego que logrou o título de Liga na máxima categoría do balonmán español, recibiu o premio ao mellor equipo.

Por outra banda, o Halterofilia Coruña foi o mellor club nun ano no que gañou en todas as categorías nas que se celebran campionatos de España por clubs femininos e tamén con participación en todas as competicións internacionais (excepto o Europeo sub 15, ao que España non asistiu por motivos políticos ao celebrarse en Kosovo).

Na categoría de adestradora o premio foi para a seleccionadora galega da modalidade de técnica da Federación Galega de Taekwondo, Noelia Pérez, e para a adestradora ourensá Isaura Hermida, “que leva dende o ano 1986 traballando na ximnasia e acadando grandes resultados”, subliñan.

Ademais, Zulema González (primeira árbitra galega de Terceira División e árbitra da
primeira categoría do fútbol feminino) é a mellor árbitra do ano 2017. E Carmen Barro, presidenta da Federación Galega de Kárate dende 2009, foi recoñecida como mellor directiva do ano.

O premio “xornalista polo deporte feminino” foi o xornalista Antonio López da Radio Galega, polo seu programa Galicia en Toquio, adicado a deportistas galegos con opcións de clasificarse para os Xogos, “e nos que teñen cabida en igualade de condicións as deportistas galegas”.

O premio para a entidade privada máis colaboradora é para Maquinaria Durán, patrocinadora nos once últimos anos do Ensino Lugo de baloncesto, mentres que o premio para a entidade pública foi para o Concello de Pontevedra, “pola súa aposta polo deporte en igualdade”.

Na iniciativa a prol do deporte tamén houbo dous premios ex aequo: para o Grupo de Estudos de Xénero da Actividade Física e do Deporte do INEF da Coruña, que leva nove anos traballando no ámbito deportivo cunha perspectiva de xénero, e para o programa O Xénero nos Ollos desenvolvido polas profesoras da Universidade de Vigo Ana Rei Cao e Alba González Palomares.

O xurado tamén decidiu outorgar unha mención especial á atleta Julia Vaquero (dúas veces subcampioa de Europa de cross e novena nos 10.000 metros lisos Xogos Olímpicos de Atlanta) pola súa dilatada carreira deportiva.

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here