InicioSociedadeDocentes de Cangas entregan 12.000 sinaturas á Xunta por unha "volta segura"...

Docentes de Cangas entregan 12.000 sinaturas á Xunta por unha “volta segura” ás aulas

Denuncian que no canto de ter en conta a proposta da Organización Mundial da Saúde (OMS) que recomenda un metro de separación entre mesa e mesa, "a Xunta mide de centro de cadeira a centro de cadeira", co que resultan 28 estudantes por aula fronte aos 16 da OMS.

PUBLICADO O

Un grupo de docentes do IES de Rodeira de Cangas entregou as 12.000 firmas de apoio á campaña “para unha volta segura en Galicia” ás aulas, conseguidas a través da plataforma Change.org. O promotor desta iniciativa, Sérgio Nunes, asegurou que ante unha “situación excepcional”, a Consellería de Educación debería “tomar decisións excepcionais”, comezando por reducir o cociente de alumnado por aula.

No caso do IES de Rodeira, que acolle a unhas 900 persoas, o pasado mes de xullo o profesorado deste centro comezou a valorar “alternativas” para emprender o curso 2020/2021 que permitisen diminuír o número de alumnos por grupo e curso, pasando dos 30 en ESO e os 33 en Bacharelato a 20 estudantes por aula. Para iso, con 91 docentes, calcularon que era necesario incrementar un tres por cento o profesorado.

Ademais de baixar o cociente, o documento de cinco puntos aprobado polo profesorado complétase pedindo a dotación de persoal docente e non docente, a provisión das infraestruturas necesarias e o material suficiente “para a realización das clases con total seguridade”, a negociación de medidas pedagóxicas e organizativas para unha “óptima planificación” do curso e a posta en marcha de “reformas tecnolóxicas” en caso dun novo confinamento.

SILENCIO

“Era o mínimo que había que facer”, explicou Nunes, polo que, “ante o silencio total e absoluto” da Consellería de Educación, a comunidade educativa iniciou mobilizacións en Cangas, que se estenderon a outras localidades da comarca do Morrazo, como Bueu e Moaña.

Este profesor de Economía criticou que o decreto da Xunta “non foi negociado” coas asociacións de nais e pais nin cos sindicatos na mesa sectorial, ademais de que “a efectos prácticos, non cambiou nada no esencial”. Tamén acusou á Administración galega de manexar datos “de forma retorta”.

Así, no canto de ter en conta a proposta da Organización Mundial da Saúde (OMS) que recomenda un metro de separación entre mesa e mesa, “a Xunta mide de centro de cadeira a centro de cadeira”, co que resultan 28 estudantes por aula fronte aos 16 da OMS.

Sérgio Nunes reprochou que o calendario escolar elaborado pola Consellería de Educación baséase en comezar o curso “como un ano máis e que xa se verá o que sucede, como nunha situación normal”. O impulsor desta campaña cualificou de “grave” que a Xunta “delegue nos centros e nos docentes toda a responsabilidade”, abundou.

“Estamos de acordo en que non se van a evitar os brotes, porque aparecerán casos e haberá que pechar algunha escola”, admitiu Nunes, “pero non é o mesmo estar en contacto 33 alumnos durante seis horas nun espazo pechado, que ter grupos estables con 20 ou menos de 20”, explicou. Por iso, esixiu á Xunta “medidas claras” para abordar a volta presencial ás aulas.

É a única forma para compensar as desigualdades sociais nas casas”, destacou Sérgio Nunes sobre a imposibilidade, para moitas familias, de compatibilizar o traballo profesional co coidado dos seus fillos. Así, referiuse ao “caso exemplar” de Dinamarca e a súa “aposta decidida pola educación”, ao lograr grupos de 10 a 15 estudantes recorrendo ao acondicionamento de “igrexas, bibliotecas ou ximnasios”.

Ademais das firmas reunidas, a comunidade educativa do IES de Rodeira mantén outras medidas “de presión”, como concentracións periódicas cada martes ás 21,00 horas. Noutras localidades, como Bueu, Caldas ou Redondela tamén tomaron medidas, asegurou Sérgio Nunes, argumentando que “as reivindicacións son as mesmas para todos e toda a sociedade”, en tanto ter “as escolas abertas beneficia aos mozos, ás familias e á sociedade”, concluíu.

ÚLTIMAS

O BNG critica que o Concello “bote á rúa sen alternativa” a 10 sobreviventes do incendio de Alfonso X

O BNG de Vigo criticou este martes que o Concello "bote á rúa sen alternativa" a...

Caballero e Puente reuníronse para abordar a chegada dos trens Avril

O ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, reuniuse este martes co alcalde...

O Sergas anuncia a intervención pública do servizo de ambulancias de Vigo, Moaña e Cangas

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 confirmou que se iniciaron os trámites para intervir,...

Recorrida unha sentenza que obriga ao Sergas pagar unha indemnización por un suicidio

O Sergas recorreu o fallo que lle condenou a indemnizar a unha familia polo...