InicioSociedadeMarea de Vigo e BNG pídenlle a Caballero "contención de gasto" coas...

Marea de Vigo e BNG pídenlle a Caballero “contención de gasto” coas luces de Nadal ante a grave crise do coronavirus

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal Marea de Vigo pediu este mércores “sensatez e contención” ao goberno municipal no gasto relacionado coa campaña de Nadal, especialmente ante as necesidades do comercio e a hostalaría, e cando non hai “garantías de retorno económico” para a cidade, no actual contexto de crise sanitaria pola pandemia de coronavirus.

Na mesma xornada na que o alcalde, Abel Caballero, asistiu ao comezo da colocación da iluminación do Nadal, que custará “soamente 800.000 euros”, o portavoz de Marea, Rubén Pérez Correa, sinalou que “parte dese gasto tíñase que estar a dedicar xa a axudas e liñas de avais por centos de negocios que están coa corda no pescozo na cidade”.

Ademais, sinalou que o gasto na campaña do Nadal debería cinguirse ao orzado, e non permitir que se incremente, como ocorreu o ano pasado. Co que se aforre, incidiu, deberían porse en marcha “políticas activas de axuda ao comercio e a hostalaría local”, que ata agora non tiveron unha “resposta activa” por parte do Concello.

“É, como mínimo, temerario fiar todo a unha campaña no mes de decembro, que está a expensas da situación sanitaria que podemos vivir, das restricións de acceso de persoas a espazos facilmente masificables“, apuntou, e lembrou que os negocios vigueses necesitan a axuda “agora”.

CRÍTICAS DO BNG

Na mesma liña, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, que este mércores se reuniu coa deputada nacionalista (e portavoz de Comercio) Carmela González, criticou que o goberno de Abel Caballero “segue sen atender as demandas e reivindicacións” do sector comercial. “É intolerable que a única resposta do Concello de Vigo sexan boas palabras. O comercio da cidade necesita solucións, non que lle pasen a man polo lombo”, denunciou.

Con respecto ao acto de inicio da colocación da iluminación do Nadal, o edil do BNG reflexionou que “nun contexto tan duro, cos graves efectos que se están vivindo a nivel económico, laboral e comercial, non parece que o máis sensato e responsable sexa dedicarse a inaugurar o Nadal en pleno verán“.

Así, tras censurar que o goberno local non concretase o anunciado Plan de Recuperación con investimentos por valor de mil millóns de euros, advertiu de que “se non se toman decisións urxentes, o que van alumar as luces de Nadal van ser moitos comercios pechados e moitos empregos destruídos”.

ÚLTIMAS

O primeiro premio da Lotaría Nacional, dotado con 600.000 euros, cae no Porriño

O primeiro premio do sorteo da Lotaría Nacional celebrado este sábado, 19 de abril,...

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar que rexentaba en Vigo

Piden sete anos de cárcere para un home acusado de vender droga no bar...

Desmantelan en Mos unha festa rave

A Garda Civil de Pontevedra, a través do Grupo de Información da súa comandancia, informou sobre...

Rescatan a varios veciños dun edificio en chamas en Vigo

Os Bombeiros de Vigo rescataron a varios veciños dun edificio en Vigo no que...