A corporación municipal de Vigo aprobou por unanimidade no pleno deste mércores a validación dunha modificación orzamentaria que permitirá investir 600.000 euros do superávit de 2019 en política social.
Esta cantidade súmase a unha modificación orzamentaria aprobada en pleno o pasado mes de maio para utilizar 870.000 euros correspondentes a parte do superávit de 2019 co obxectivo de afrontar necesidades derivadas da pandemia.
Durante a súa intervención, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, remarcou que esta validación permitirá atender as necesidades da cidadanía, mentres o portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, Alfonso Marnotes, sinalou que con esta modificación non se alcanza a parte do superávit que permite investir o Estado en política social, o 20%. En concreto, insistiu en que se poderían mobilizar outros 2,3 millóns de euros para esta área.
O portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, asegurou que será preciso realizar novas modificacións para destinar unha maior parte do superávit a esta fin dada a crise actual e o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas, chamou a “consolidar” os esforzos realizados en materia social durante a pandemia con investimento nesa área.
Aneiros tamén recalcou a resposta achegada polo Concello para paliar as necesidades derivadas da pandemia tras dar conta da execución dos orzamentos de 2020 no segundo trimestre do ano. Así, destacou o adiamento do pago de impostos por valor de cinco millóns de euros realizado, que remarcou que beneficiou a “máis de 10.000 comercios”, mentres lamentou que a Xunta destinase “cero” euros a esta área.
Pola súa banda, o portavoz do Grupo Municipal Popular reprobou a falta de execución dos orzamentos deste ano e incidiu en que as partidas que non se puideron investir debido á pandemia deberían destinarse a outras áreas. Tamén o portavoz de Marea de Vigo e o concelleiro do BNG sinalaron a necesidade de “repensar” as cantidades establecidas para este ano dada a situación actual.
ALMEDIA PIDE “RESPECTO” ÓS LÍMITES DO SUPERÁVIT
Polo súa banda, o alcalde de Madrid, José Luís Martínez-Almeida, pediu este mércores ao alcalde de Vigo que “respecte e non se desmarque” da postura da FEMP sobre o superávit. Foi en rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno onde o rexedor madrileño reiterou que a FEMP ten “unha posición común, acordada por unanimidade de todos os grupos políticos” sobre o emprego do superávit e o remanente de tesouraría por parte dos gobernos municipais.
“O primeiro rogo que lle fago ao presidente é que o respecte, e que non se preste a romper a unanimidade alcanzada pola FEMP”, APUNTOU, para asegurar a continuación que “non é que haxa unha oferta de Facenda, senón unha imposición, non hai vontade de negociación”.
O PLAN PARCIAL DE NAVIA, Á FIN APROBADO
Tamén se deu luz verde á aprobación definitiva do plan parcial de Navia cos apoios dos grupos municipais do PP e o PSOE e a abstención dos edís de Marea de Vigo e o BNG. Sobre este punto, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, remarcou que o Concello tivo que achegar unha “resposta rápida” para permitir a edificación de 1.600 vivendas protexidas das que dotará á zona a Xunta.
Por iso, explicou que o goberno local renunciou a condicionar a aprobación definitiva a que a Xunta comprometese que a primeira actuación que levaría a cabo na zona sería un instituto. Pola súa banda, Marnotes achacou este cambio de posición a intereses electorais e lembrou que se adoptou tras os comicios galegos, situación que tamén sinalou Igrexas. Ademais, Pérez advertiu da necesidade de dotar de máis servizos ao barrio.
Noutra orde de cousas, o pleno aprobou as mocións socialistas presentadas para instar á Xunta a aumentar a dotación ao Concello en 30 millóns de euros e a empregar recursos públicos transferidos polo Goberno na dinamización do comercio de proximidade da cidade.
Tamén se deu luz verde ás mocións socialistas que demandaban que o Goberno galego derrogase o artigo da normativa de medidas fiscais que contempla o cofinanciamento de escolas infantís autonómicas por parte do Concello. O pleno reclamou ademais ao Executivo galego a transferencia inmediata de 1,5 millóns de euros para apoiar gastos relacionados coa desinfección e que participe na xeración de chan para actividades produtivas na cidade.