O pasado sábado día 16 celebrouse no auditorio de San Bieito da Guarda a XIV edición do Festival Luso-Galaico de Xamaraina, un evento organizado polo Grupo de Baile Xamaraina en colaboración co Concello de A Guarda.
O acto, que estivo presentado por Elena Baz, comezou cun pasarrúas dende a fonte do Pescador. Os grupos fixeron a súa entrada no Auditorio de San Bieito entre os aplausos dos alí presentes.

Neste acto, cargado de música e baile, participaron os grupos Doxe nun Ano, A.C. Brisas do Quenllo, Rancho Folclórico de Boelhe, Grupo El Caño e Xamaraina. Xamaraina leva anos organizando festivais culturais, folclóricos ou de baile moderno. Na súa actuación, estiveron acompañados por parte do grupo Carainas e contaron coa actuación da Pandeirada de Tello.
Doxe nun ano fixo a súa actuación acompañados do grupo de Pandereteiras Paliqueiras, con Tecla á Gaita, con cancións moi coñecidas. Pola súa banda, o Rancho Folclórico de Boelhe, nado nos anos 70, ten una ampla tradición, e aínda que durante moitos anos estiveron sen actividade, recentemente recuperaron danzas tradicionais que puxeron en escea coas pezas Rebela, Vira Velho, Excote e Verdegar no Auditorio de San Bieito.

A Asociación Cultural Brisas do Quenllo xurde no ano 1998 no Concello de Tordoia, dende entón levan a súa música e baile por toda a xeografía galega, contando na actualidade cuns 40 integrantes na súa formación.
A Asociación Folkórico-Cultural El Caño ten os seus inicios no ano 2004 coa finalidade de recuperar e transmitir o folclore da súa rexión, integrando no seu repertorio musical pezas musicais de distintos municipios madrileños.
