InicioEconomíaCancelada a edición de 2020 da feira Conxemar de Vigo pola "incerteza"...

Cancelada a edición de 2020 da feira Conxemar de Vigo pola “incerteza” e o impacto da pandemia

A XXII edición da feira ía celebrarse do 6 ao 8 de outubro.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A directiva da asociación Conxemar, organizadora da feira de produtos do mar co mesmo nome, anunciou este martes a suspensión do certame este ano, previsto para outono, debido á “incerteza” e ao “impacto” da pandemia de coronavirus en todo o mundo.

Así, a XXII edición da feira, que ía celebrarse do 6 ao 8 de outubro no Instituto Feiral de Vigo, foi cancelada “tras moitas semanas avaliando o progreso da pandemia” e tras consultar á maioría dos seus clientes, segundo informou Conxemar.

A organización apuntou que a actual situación implica restricións para viaxar a nivel internacional, e subliñou que a “seguridade de expositores e visitantes” é a súa “maior preocupación”. Por iso, optou por cancelar o evento, que na súa edición de 2019, tivo máis de 37.000 visitantes e case 750 expositores de diferentes países do mundo.

“Lamentamos profundamente esta decisión, sendo conscientes do que significa para os nosos clientes e a nivel económico, especialmente nestes momentos tan duros, para a nosa cidade, á que estamos moi agradecidos polo apoio que sempre nos deu desde o inicio da nosa feira”, trasladou Conxemar.

Finalmente, a asociación confirmou que a próxima edición do evento terá lugar entre o 5 e o 7 de outubro de 2021, no recito feiral vigués. “Esperamos poder contar coa ampliación de 5.000 metros cadrados solicitada para o próximo ano”, apostilaron desde a organización.

ABEL CABALLERO

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, sinalou que Conxemar representa unha feira de produtos do mar cuxa realización resulta “imprescindible” debido á súa consolidación e a súa importancia, pero recoñeceu que a cancelación da súa edición deste ano por motivos de saúde pública supón “a decisión correcta”.

Caballero insistiu en que, a pesar da relevancia do evento, débese priorizar e “supeditar todo” á saúde pública. “Eu avalo a decisión, sei que a pensaron, que a meditaron, que lle deron voltas”, defendeu en alusión aos organizadores o rexedor, quen explicou que tamén abordou esta posibilidade cos mesmos con anterioridade.

Ademais, garantiu que “dará tempo” a acometer a ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), reclamada pola organización dado que este recinto acolle cada ano o evento, antes da seguinte edición.

Deste xeito, o alcalde de Vigo asegurou que a próxima celebración do evento terá lugar “co Ifevi ampliado” e en “as circunstancias nas que ten que estar” o recinto feiral.

Así mesmo, Caballero mostrou o “apoio incondicional” do Concello de Vigo “a Conxemar, á ampliación do Ifevi e a todo o que teña que ver coa pesca nesta cidade”.

ÚLTIMAS

A falta de visibilidade en Peinador obriga a regresar a Madrid a un avión con destino Vigo

A falta de visibilidade obrigou a regresar a Madrid ao piloto do voo de...

‘Romaría’: Carla Simón viaxa á ría de Vigo para reconstruír o pasado dos seus pais

A cidade de Vigo acolle este martes a preestrea do filme 'Romaría' (a estrea...

A Plataforma fronte á Masificación Turística pide unha moratoria de licenzas para VUT

A Plataforma fronte á Masificación Turística de Vigo e O Morrazo dirixiuse por carta...

O PP de Vigo pide a Caballero que deixe as “ambigüidades” sobre a biblioteca de Teis

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo esixiu ao alcalde, Abel Caballero,...