InicioSucesosA defensa do asasino de Ana Enjamio pide a absolución por unha...

A defensa do asasino de Ana Enjamio pide a absolución por unha “defectuosa” valoración procesual

Ve "verosímil", na apelación no TSXG, que os restos xenéticos e sangue atopados fosen consecuencia do "contacto" entre ambos.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A defensa do home condenado a 30 anos e 4 meses de prisión por matar á súa exparella, Ana Enjamio, en Vigo en 2016 pediu, na vista de apelación na Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a súa absolución por “defectuosa valoración procesual” e por “vulneración de dereitos fundamentais”.

O avogado de César Adrio Otero dixo “non estar de acordo coa sentenza”, entre outras cousas, pola información obtida dos dispositivos móbiles para establecer o que ocorreu na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016. Trátase, dixo, dun “menoscabo do dereito á defensa” e deu lugar, subliñou, a unha “situación kafkiana”.

Durante a apelación, o letrado reprochou que os peritos afirmasen durante o xuízo que “boa cantidade de información” quedara sen analizar e asegurou que Adrio e Enjamio mantiñan unha relación polas conversas de ata “54 minutos” que tiveran en datas anteriores á morte dela. “Había un fluído tráfico de chamadas”, engadiu.

Segundo o avogado, é “verosímil” que a aparición de restos xenéticos e sangue nas pertenzas do home responda o “contacto” entre ambos. Con respecto aos primeiros, considera que o ADN “demostra que houbo contacto físico” a noite da morte e o sangue, que mantiveran relacións sexuais cando ela “tiña o período”.

O letrado tampouco considera que Adrio tivese un móbil para matala porque, dixo, ela “dubidaba” entre el e a súa exparella, coa que retomara a relación, pero xa “optara” polo condenado. Ademais, nega que se razoe a aleivosía ou o asañamento na sentenza polo que reclama a absolución para o seu defendido.

ÚNICA HIPÓTESE POSIBLE

Pola súa banda, o fiscal pediu a desestimación do recurso da defensa e deu por válido o veredicto do tribunal do xurado e a sentenza da sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo. “A hipótese da acusación é a única posible”, defendeu, rexeitando que, para a absolución de Adrio, “baste con formular outra hipótese”.

O representante do Ministerio Público argumentou que a información dos dispositivos electrónicos foi obtida “coa debida autorización xudicial” e lembrou que a defensa xa presentou recursos respecto diso durante o procedemento xudicial que foron rexeitados.

Con respecto ao sangue e os restos xenéticos, o fiscal razoou, na súa intervención na vista, que non está “acreditado” que houbese contacto entre eles a noite do asasinato polo que, dixo, son “circunstancias obxectivas” en relación á morte. Tamén avalou que houbese aleivosía e asañamento no crime tal como dispón o fallo.

“A sentenza limítase a recoller os feitos que viu probados”, insistiu o fiscal, que negou que as argumentacións da defensa sexan “certas”. As acusacións particular e popular compartiron, na súa quenda de intervención, o dito pola Fiscalía e o acusado, presente por videoconferencia desde o cárcere da Lama, rexeitou a súa quenda de palabra.

CONDENA

A sentenza considerou probado que o home acabou coa vida de Ana Enjamio na madrugada do 16 ao 17 de decembro de 2016 cravándolle unha arma branca repetidas veces despois de acosala durante meses porque non aceptou o fin da relación sentimental que mantivera con ela.

Ademais, apuntou que, a noite na que se cometeu o crime, Adrio abordou á muller no portal do edificio no que ela residía e atacouna cun coitelo ou unha arma similar de modo sorpresivo sen que ela puidese defenderse. O ataque concentrouse no corazón da vítima.

O tribunal tamén afirmou que concorrían distintos “indicios e datos” que situaban o acusado como autor do asasinato a pesar de non atoparse nin a arma nin o teléfono da vítima nin a roupa que el utilizou no momento do crime. Ademais, os xuíces rexeitaron os argumentos deste home e a defensa respecto de que mantivo unha boa relación coa vítima ata a súa morte.

Por estes motivos, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra condenou a César Adrio a 25 anos de cárcere polo asasinato e a 20 meses polo delito de acoso, así como a 3 anos e 8 meses de prisión pola vulneración da intimidade.

ÚLTIMAS