InicioSucesosCondenados unha nai e o seu fillo por reter a moza del,...

Condenados unha nai e o seu fillo por reter a moza del, menor de idade

A rapaza, naquel momento menor idade, permaneceu encerrada durante un mes ata que, nun descoido, puido chamar a súa nai, quen alertou á Policia.

PUBLICADO O

- Advertisement -

María Lourdes M.C. e o seu fillo Rafael A.M. aceptaron as penas de 2 anos e un ano e medio de prisión, respectivamente, tras chegar a un acordo de conformidade na Audiencia Provincial de Pontevedra, como autores dun delito de detención ilegal, por reter contra a súa vontade á noiva del, menor de idade.

As partes alcanzaron un acordo e, tras o recoñecemento dos feitos por parte dos procesados, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou sentenza, que xa adquiriu firmeza nese mesmo momento, posto que defensa e acusación confirmaron que non apelarán.

Así, condenou a María Lourdes a dous anos de cárcere; e ao seu fillo, ao que se lle aplica a eximente incompleta de alleamento mental, a un ano e medio de prisión. Así mesmo, imponlles a prohibición de achegarse ou comunicarse coa vítima por un tempo de 10 anos.
Na mesma sala foi acordado a suspensión da execución das penas de cárcere por un período de 3 anos, coa condición de que ambos os procesados non delincan durante ese tempo.

Este xuízo, no que se pedían inicialmente 7 anos de cárcere para a muller e 4 anos para o seu fillo, estivo sinalado para xuño de 2019, pero nese momento suspendeuse debido á enfermidade dun dos avogados.

DETENCIÓN ILEGAL

Os feitos remóntanse a febreiro de 2017, cando Rafael A.M. iniciou unha relación sentimental coa vítima, menor de idade. Así, a moza comezou a vivir con el e a súa nai na súa vivenda, situada nunha barriada do partido xudicial de Vigo. Segundo o escrito de acusación pública, aos poucos días a menor explicou á súa parella e á nai que quería abandonar o domicilio, pero estes retivérona contra a súa vontade. De feito, ao principio, permitíanlle saír da vivenda, pero só cando ía acompañada por Rafael.

Posteriormente, prohibíronlle abandonar o domicilio e impedíronlle comunicarse por teléfono coa súa familia se non estaban os acusados presentes “para evitar que comentase o que lle estaba pasando“. A menor permaneceu encerrada durante un mes ata que, nun descoido dos seus captadores, puido contactar coa súa nai, quen alertou da situación á Policía. Así, os axentes liberaron á moza o 21 de marzo de 2017.

ALLEAMENTO MENTAL

Na condena establecida por conformidade, tívose en conta unha eximente no caso de Rafael, xa que padece “un atraso madurativo e coeficiente intelectual límite”, por baixo da media na súa idade.

Así mesmo, tal e como sinala a Fiscalía, trátase dunha persoa dependente e que precisa de apoio para efectuar trámites xurídicos ou administrativos, e a súa “vulnerabilidade” provoca que sexa “facilmente manexable”. Do mesmo xeito, presenta “unha precaria conciencia da súa enfermidade e unha diminución parcial da súa capacidade intelectiva e volitiva”.

ÚLTIMAS

Home de 50 anos afúndese na Punta da Foz en Baiona

Un home de arredor de 50 anos, natural de Ourense, sufriu este domingo un...

Detido en Vigo un home por agredir a súa nai cun garfo tras unha discusión por un bote de perexil

A Policía Local de Vigo detivo este domingo a un home de 29 anos...

Xulgan en Vigo un home acusado de estafar máis de 158.000 dólares na compra de produtos do mar

A Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, celebrará este...

Anulan unha cláusula chan nunha hipoteca de 2005 por falta de transparencia

O Xulgado de Primeira Instancia de Vigo declarou nula unha cláusula chan incluída nun...