O secretario xeral do PSdeG e candidato socialista á presidencia da Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, advertiu este martes ao candidato do PP á reelección, Alberto Núñez Feijóo, de que a súa “estratexia” de estar “pegado a Pablo Casado” é “equivocada”, á vez que afeou aos ‘populares’ que “usen” os falecidos pola pandemia de coronavirus para confrontar co Goberno de España.
Así o trasladou Caballero, en declaracións aos medios antes de participar nun xantar-coloquio con empresarios en Vigo. O candidato socialista referiuse á distribución, por parte do PP, dun argumentario “que envía Pablo Casado” aos seus “para que busquen a confrontación” co Goberno de España.
A ese respecto, Gonzalo Caballero, tras constatar que o PP “non asume o resultado das eleccións de 2019” e está “nunha estratexia de acoso e derribo” contra o Executivo, subliñou que “tentar usar os falecidos e a COVID é mezquino, indigno, irresponsable e non responde á verdade”.
O líder dos socialistas galegos lembrou que foi o goberno de Pedro Sánchez o que decretou o estado de alarma e o prorrogou, mentres que “Feijóo e Casado pedían a principios de maio que se levantase”. “Non teñen capacidade nin dignidade para defender unha mellor xestión da crise, porque non acertaron, non estiveron á altura”, proclamou Caballero.
Ademais, o candidato do PSdeG advertiu de que Feijoo “se equivoca” na súa “estratexia” de “estar pegado” a Pablo Casado. “O PSdeG vai confrontar para gañar o goberno da Xunta e para defender o goberno progresista de España, que xerou un escudo protector moi importante para facer fronte á crise”, afirmou.
RECONSTRUCIÓN DE GALICIA FRONTE A “AGONÍA” DO PP
Por outra banda, Gonzalo Caballero referiuse, no marco do seu encontro cos empresarios, á necesidade dun “liderazago” que permita a reconstrución económica e social de Galicia tras a pandemia de coronavirus, e avogou por un cambio que posibilite poñer fin á “agonía” do PP en Galicia, e a 11 anos de “inexistencia de política económica e industrial” dos gobernos de Feijóo.
Segundo incidiu, os ‘populares’ representan un “proxecto esgotado” e cunha “nula” política industrial e económica. Por todo iso, concluíu que Feijóo “non está á altura” para poder impulsar a reconstrución “despois dunha crise tan severa”. “Se en 11 anos se destruíron 70.000 postos de traballo en Galicia, é necesaria unha nova folla de ruta”, apostilou.
Así, Caballero ofreceu o proxecto do PSdeG para esa reconstrución e para mobilizar 2.500 millóns de euros de fondos públicos, da man do Goberno de España, cuxa xestión da pandemia puxo en valor con medidas de protección social e de apoio á industria.