InicioSucesosQueda libre un veciño de Cangas sen fogar que incumprira o confinamento

Queda libre un veciño de Cangas sen fogar que incumprira o confinamento

A Audiencia argumenta que o investigado "non ten onde ir", polo que o suposto risco de reiteración delituosa, en caso de existir, "non sería en realidade intencional".

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra decretou a posta en liberdade provisional dun veciño de Cangas sen fogar investigado por un delito de desobediencia por incumprir o confinamento derivado do estado de alarma.

O Xulgado de Instrución número 1 de Cangas ordenara o ingreso en prisión provisional do detido o pasado 16 de abril ao considerar que había risco de fuga e de reiteración delituosa, tal e como lembrou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

O home, segundo o auto, foi detectado por axentes na vía pública o 15 de abril e, 15 minutos máis tarde, volveu ser localizado na rúa. A Audiencia argumenta que o investigado “non ten onde ir”, polo que o suposto risco de reiteración delituosa, en caso de existir, “non sería en realidade intencional, senón obrigado pola súa especial situación, que a recado non é desexada por el”.

Ademais, os xuíces subliñan que non consta ningunha documentación que avale que o investigado abandonase voluntariamente a habitación facilitada polos servizos sociais de Vigo, nin de que tivese a posibilidade de confinarse nalgún lugar no momento no que foi interceptado, o 15 de abril. O tribunal recalca que, a pesar da “singularidade e excepcionalidade do momento en que nos atopamos”, as normas que regulan a prisión provisional “non variaron”.

A Audiencia tamén considera inexistente o risco de fuga, pois o recorrente carece de domicilio, xa que “sempre está a deambular pola vía pública en Cangas”, e de medios económicos. Por iso, sinala que a posibilidade de que se desprace á Comunidade de Madrid, tal e como manifestou, “antóllase remota”, segundo os maxistrados. Ademais, todas as veces que foi interceptado, o 4, 6, 10 e 12 de abril, así como na ocasión da que derivan estas dilixencias, 15 de abril, estaba dentro do partido xudicial de Cangas.

Por todo iso, o tribunal considera “remota” a posibilidade de que fuxa a Madrid, non só pola carencia de medios económicos cos que custear un medio de transporte, senón tamén polos controis policiais dos traslados entre localidades derivados do estado de alarma.

ÚLTIMAS

O PP reprocha a Caballero que presuma de “potencia turística”

A presidenta do PP de Vigo e portavoz municipal 'popular', Luisa Sánchez, reprochou este...

A CIG convoca folga do Metal de Pontevedra para o 7 de maio pola falta de avances no novo convenio

O sindicato CIG avanzou este martes a convocatoria de folga no sector do Metal...

O Sergas garante asistencia a quen deixe Povisa e escolla o Cunqueiro

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou que se “dará resposta” ás necesidades...

O BNG carga contra Concello e Xunta polo desaloxo de Beiramar: “Máis de vinte persoas seguen na rúa”

O BNG de Vigo denunciou este martes que, unha semana despois do desaloxo da...