InicioSociedadeO persoal de limpeza do Álvaro Cunqueiro: "Estamos seis traballadores infectados por...

O persoal de limpeza do Álvaro Cunqueiro: “Estamos seis traballadores infectados por unha neglixencia”

"Dentro dos traxes a xornada faise esgotadora", conta unha das encargadas da limpeza da UCI.

PUBLICADO O

- Advertisement -

Son moitos os colectivos que durante estes días de crise sanitaria están traballando arreo, nunhas condicións moi complicadas e en primeira liña na loita contra o coronavirus. Máis alá do labor inxente dos profesionais sanitarios, os hospitais seguen funcionando grazas ao traballo na sombra doutros moitos equipos: o servizo de limpeza, o servizo de lencería, os empregados na cociña e na cafetería, o equipo de mantemento… Centos de persoas que se expoñen diariamente ao contacto co virus e sen os cales, a actividade do hospital se viría abaixo.

Jorge Costas e Lara Roque traballan no servizo de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Denuncian que se atopan “ao bordo do colapso”, que falta persoal e que a empresa á que pertence o servizo, Acciona, “oculta” información e “mente” sobre as persoas traballadoras contaxiadas por coronavirus. E é que xa son seis, xunto con dous responsables da empresa e mais a secretaria, os empregados que deron positivo nas probas. Un deles é Jorge Costas, que agora se atopa confinado na súa casa “por unha neglixencia da empresa”.

CONTAXIOS ENTRE O PERSOAL

“A última que caeu foi unha compañeira da quenda da noite”, relata. “Pedimos a súa proba hai unha semana, pero a empresa, a pesar de que nos dixo que si, non solicitara o test a Medicina Preventiva. Pensamos que foi porque o persoal da noite está moi xusto e a xefa non quería que quedara na casa. Unha auténtica irresponsabilidade“. Tiveron que ser os propios traballadores quen se puxeran en contacto cos responsables sanitarios para que esta empregada fose atendida. Ao día seguinte fixéronlle a proba e deu positivo na Covid-19. Todo isto logo de botar traballando varios días no hospital.

Jorge Costas, que ademais forma parte do comité de empresa, sospeita que os contaxios entre o seu equipo puideron producirse nunhas xuntanzas que desenvolveron os propios traballadores para explicar aos compañeiros con menos formación como vestir e desvestir os equipos de protección individual. Nunha delas participou unha responsable que estivera en contacto cos seus familiares de Madrid e que comezou a sentir síntomas. “Cabreeime moito cando nos contaxiamos porque me gustaría telo sabido inmediatamente; eu convivo con miña nai”. Dende que el fixo a proba, caeron un tras do outro.

O “gran reclamo” do persoal, nestes momentos, segue sendo que lles realicen test de detección de coronavirus a todo o servizo de limpeza. “É que se non non serve para nada todo o traballo que estamos facendo; se eu son portadora, o único que consigo é agrandar o problema“, denuncia Lara.

FALTA DE PERSOAL

Sobre a falta de persoal, tanto Lara Roque como Jorge Costas aseguran que é un problema que vén de lonxe, pero neste contexto no que a carga de traballo é moito maior, faise incluso máis evidente. A pesar de que a empresa lles fixo promesas de aumento de persoal, chegan “a contagotas”. Para Costas, o problema radica “na xestión público-privada deste hospital”. Lara Roque, que está destinada á zona de UCI dos pacientes con coronavirus, recoñece que leva traballando nove días seguidos e ata o domingo non descansa. Ademais de encargarse do labor do día a día, foi o propio servizo de limpeza quen tamén deseñou o protocolo de actuación e quen tomou a iniciativa de formar ao persoal de limpeza con menos experiencia.

ESGOTAMENTO FÍSICO E MENTAL

Traballar con medo é “esgotador”. Medo polos pacientes, medo pola familia, e medo por unha mesma. “Está dende que entras ata que saes”, relata Lara. “Cousa que agradezo, porque no momento en que non tes medo e te relaxas é onde aparece o perigo”. Esta limpadora describe as súas xornadas laborais como “oito horas de tensión” nas que hai que ter “mil ollos” e ser extremadamente coidadosa con todo o que se manipula. “Pola túa seguridade e pola dos demais”. 

O cansazo vólvese aínda máis extremo ao ter que traballar enfundadas en equipos de protección. “Dentro dos traxes a xornada faise esgotadora. Imos cubertas de plástico dos pés á cabeza. No meu caso levo as miñas lentes e por riba as lentes de protección, levo dúas máscaras, tres pares de luvas, dúas batas, calzas para os pés… A temperatura que alcanzas dentro é moi alta”. E aínda por riba, os espazos da UCI son cubículos pechados e pequenos. “A respiración polo nariz dificúltase moito porque vai todo moi pegado á pel. Cando levas oito horas respirando pola boca nótase bastante o esgotamento ao final do día”, describe Lara.

FALTA DE COORDINACIÓN

Dende o comezo desta crise sanitaria, botaron en falta unha boa comunicación e coordinación entre o servizo de limpeza e o servizo sanitario. “O Sergas tivo falta de previsión”, valora Costas. “Ao principio chegaban os posibles contaxiados e paseábanos a facer probas por todo o hospital, así que a nós chamábannos para facer a limpeza xeral aquí, aquí e aquí. Saturábannos ao mover tanto o paciente”. Agora, contan, todo funciona dunha maneira máis coordinada, pero para iso, “tivo que pasar un mes”. 

Tampouco se lles informa de novas decisións. “Os residuos da Covid-19 van en cubos vermellos de plástico para incinerar”, conta Costas. “Pois resulta que se están acabando, entón enterámonos de que pretenden sacar os residuos en caixas de cartón. Iso a lei de prevención non o permite. É un risco: pode haber líquidos, obxectos punzantes…”. Este traballador considera que a comunicación fallou sempre. En canto a aprovisionamento de material de protección, comenta que os EPIs “andan escasos” e que ás veces incluso hai que “ir suplicalos”.

“O servizo de limpeza sempre estivo un pouco na sombra”, di Costas. “Agora parece que somos os superheroes sen capa, pero levamos toda a vida enfrontándonos diariamente a enfermidades moito máis perigosas ca esta; a sarna, o lupus, a tuberculose, a sida… O servizo de limpeza é indispensable, sempre o foi e sempre o seguirá sendo”, lanza agora con forza Lara Roque.

ÚLTIMAS

Caballero saca peito e di que Vigo é un “modelo turístico en España”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, celebrou que a cidade "continúe sendo un modelo turístico...

O BNG de Vigo pide limitar o uso de petardos no Fin de Ano polos “prexuízos” a animais e persoas maiores

O BNG de Vigo demandou ao goberno local que emita un bando para limitar...

Auxilian en Vigo a un home de 50 anos que entrou en parada cardiorespiratoria en plena rúa, resultando falecido

Os profesionais de emerxencias auxiliaron na tarde deste xoves en Vigo a un home duns...

Comisan en Ecuador máis dunha tonelada de cocaína que tiña como destino o porto de Vigo

A Policía Nacional de Ecuador comisou, en Guayaquil, máis dunha tonelada de cocaína nun colector que...