InicioSociedadeXulgan un home acusado de violar e pedir material pedófilo a unha...

Xulgan un home acusado de violar e pedir material pedófilo a unha nena discapacitada de 14 anos en Ponteareas

O acusado pertence á contorna da familia de acollida da menor.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá o vindeiro xoves o xuízo contra un veciño de Ponteareas acusado de violar a unha nena de 14 anos que padecía unha discapacidade intelectual, así como de pedirlle que lle enviase fotos e vídeos de contido pedófilo.

Segundo se recolle no escrito de acusación de Fiscalía, os feitos remóntanse ao verán de 2017, cando a menor, que se atopaba en réxime de acollida, acudiu ao domicilio do acusado, unha persoa relacionada coa súa familia de acollida.

Durante o mes de xuño dese ano, e co ánimo de “satisfacer o seu instinto sexual”, Fiscalía cre que o home “comezou a ter contacto telefónico” coa menor, “enviándolle mensaxes nas cales lle propuña manter relacións sexuais con el“.

En todo momento, precisa, o home era consciente de que a nena tiña 14 anos de idade e que sofre un atraso madurativo que lle causa unha discapacidade do 35%.

FOTOGRAFÍAS DE CONTIDO PEDÓFILO E ENCONTROS

A maiores, supostamente, o acusado solicitou á menor que lle enviase fotografías espida e en actitude sexual “explícita”, ao cal a accedeu, e envioulle tamén a ela fotografías do seu pene.

Nun día non determinado do mes de xuño de 2017, recolle o escrito, o procesado indicou á moza que saíse a pasear a unha zona de monte próxima á súa vivenda, “un lugar deshabitado e pouco concorrido onde se atopaba unha cuadra desocupada”. Foi alí onde, supostamente, someteuna a tocamentos e bicouna en contra da súa vontade, feitos que o Ministerio Público defende que se repetiron noutro día.

Tempo despois, no mesmo lugar, o home volveuse citar supostamente coa menor, á que o fiscal asegura que violou “a pesar de que” ela lle “dicía ao procesado que parase”. “Isto repetiuse en múltiples ocasións”, apunta.

Por iso, Fiscalía pide para o acusado 19 anos e 10 meses de prisión, 11 deles por un delito continuado de abusos sexuais con violación a unha vítima menor de 16 anos e outro oito anos e 10 meses por elaboración de pornografía infantil.

A maiores, esixe que o home non poida comunicarse ou achegarse á vítima e que se lle vete a realización de calquera traballo, remunerado ou non, que implique contacto con menores. Pide para a nena unha indemnización de 25.000 euros.

ÚLTIMAS

A Xunta e Vicus Gallaecia analizan os retos da mobilidade e urxen un calendario para o AVE Vigo-Porto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns nun encontro...

Carmen García Mateo abre a campaña ao Reitorado da UVigo reivindicando “seriedade” fronte á improvisación

A candidata a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, abriu este...

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a...

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...