InicioPolíticaA Xunta anuncia un concurso de ideas para as vivendas de Navia

A Xunta anuncia un concurso de ideas para as vivendas de Navia

A administración galega adxudicará en febreiro a redacción do proxecto de urbanización e o proxecto de expropiación. Pero non confirma a construcción dun instituto tal e como pide o concello.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Xunta de Galicia volveu a urxir ao Concello de Vigo a aprobación do plan parcial para acometer a ampliación do barrio de Navia, sen o cal non poderán executarse as obras de urbanización, e reiterou que dito instrumento de planificación servirá para “distribuír o terreo existente” e, en ningún caso, pode regular a construción dun instituto, reclamada polo goberno vigués.

Así o trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que este mércores visitou os terreos do Instituto Galego de Vivenda e Solo neste barrio de Vigo. Segundo lembrou a conselleira, perdeuse “o ano 2019, no que o goberno galego dispuña de 6 millóns para iniciar as obras e, neste 2020, volve haber 6 millóns de euros orzados para avanzar nesa actuación, que prevé a construción de 1.600 vivendas de promoción pública.

“Non podemos seguir nesta situación, esiximos ao Concello que se aprobe o plan parcial. Comezou a tramitación hai dous anos e seguimos na mesma liña”, lamentou, e advertiu de que “non hai desculpas de carácter técnico”. Ademais, lembrou a conselleira, a administración autonómica ten acordos de permuta cos propietarios duns 42.000 metros cadrados, e ditos acordos poden caducar. “Acábasenos o tempo, hai que tomar unha determinación”, incidiu.

En calquera caso, asegurou que a Xunta “non vai deixar de traballar” e prevé, no mes de febreiro, adxudicar a redacción do proxecto de urbanización e o proxecto de expropiación. “Pero non podemos empezar a executar os traballos ata ter o plan parcial”, engadiu.

DEMANDA DUN INSTITUTO

Con respecto á demanda do goberno de Vigo, de que a Xunta firme un convenio para comprometerse a construír un instituto de secundaria nese barrio, Vázquez explicou que a finalidade dun plan parcial é “distribuír o terreo existente”.

Así, no proxecto de ampliación de Navia haberá, entre outros espazos, 25.000 metros cadrados de zonas verdes, 24.500 metros cadrados de equipamentos e 189.000 metros cadrados destinados a vivendas. “Na zona que sexa de equipamento poderase instalar un instituto ou outra cousa, pero iso non é obxecto de debate. Temos que ter o chan habilitado para empezar a urbanización”, sinalou.

CONCURSO DE IDEAS

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda anunciou que a Xunta convocará un concurso de ideas para que haxa unha “perfecta integración” das vivendas (que serán unifamiliares e en bloques) na súa contorna urbana e na paisaxe.

Con esta iniciativa perséguese, segundo a conselleira cumprir os “obxectivos de sustentabilidade”, ademais da integración na contorna, e “ter claro o tipo de vivenda” que se construirá nese barrio.

ÚLTIMAS

Carmen García Mateo abre a campaña ao Reitorado da UVigo reivindicando “seriedade” fronte á improvisación

A candidata a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, abriu este...

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a...

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para "atender ao...

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento...